O Centro Sociocomunitario do Carballiño programa unha conferencia, dous obradoiros e unha exposición para conmemorar o Día da Muller

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O Centro Sociocomunitario do Carballiño vén de programar unha serie de actividades con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller para este mes de marzo. Concretamente, para o día 7 de marzo, venres, inaugurarase unha exposición de óleos e acrílicos dunha pintora afeccionada do Carballiño, Teresa Cerdeira, unha muller exemplo da liberdade, a independencia e a autonomía feminina. Teresa iniciouse na pintura ós 50 anos, buscando tan só sentirse libre e a gusto consigo mesma, xa que nunca tivo intención de compartir o seu traballo. Ë agora o momento no que se decidiu a amosalo nas instalacions do Centro Sociocomunitario, nun espazo e nun lugar onde pasa horas e onde se se sinte cómoda e libre.

O luns, 10 de marzo , ás 4 da tarde, no salón de actos do Centro impartirase unha charla sobre “O autocoidado emocional nas mulleres”, a cargo de Mercedes Urbiola Ituarte, pedagoga e guía Montessori, que facilitará ferramentas para axudar a mellorar o benestar mental e emocional das mulleres. Os luns 10, 17, 24 e 31 do mes de marzo, en horario de mañá, levarase a cabo un taller de costura creativa. Neste caso as participantes confeccionarán un saco terapéutico de sementes destinado a aliviar dores musculares, calmar o estrés e desfrutar dun momento de benestar. Unha actividade pensada para deseñar e crear coas nosas mans, rodeadas de mulleres que buscan con este tipo iniciativas un espazo compartido de benestar.

Xa por último, o sábado 15, a partir das 4 da tarde, as persoas interesadas poderrán asistir a un obradoiro de risoterapia, impartido por Alba de Vales, onde a risa será o medio para facilitar o benestar físico, emocional e mental, mediante exercicios, técnicas de relaxación, xogos, teatro, expresión corporal, música e baile.