O Psoe insta á Xunta a habilitar de forma “urxente” unha liña de axudas para os produtores de castaña

O PSdeG-PSOE de Ourense reclámalle á Xunta de Galicia que habilite de forma “urxente” unha liña directa de axudas aos produtores de castaña das comarcas de Monterrei e Conso-Frieiras afectados por un fungo derivado do chancro que provocou unha perda de produción dun 80% e cun dano entorno aos 3 millóns de euros. Os socialistas anuncian iniciativas tanto a nivel municipal, coma provincial e autonómico e presentarán unha emenda aos orzamentos da Xunta de Galicia, na que piden que se contemplen 3 millóns de euros para o conxunto destas comarcas afectadas e que se habiliten os mecanismos de distribución no conxunto dos produtores.

Aproveitando a celebración da festa da castaña, representantes do PSdeG-PSOE de Ourense desprazáronse ata Riós para participar nesta festa e reclamarlle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e ao Partido Popular que “deixe de obviar as comarcas de Ourense nos orzamentos e que opte por unha discriminación positiva na provincia”. Nos actos estiveron presentes o grupo municipal socialista, encabezado polo seu voceiro, Daniel Caneiro, así como os parlamentarios autonómicos, Juan Carlos Francisco e Marina Ortega; o secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino; a deputada no Congreso, Uxía Tizón; e concelleiras e voceiros doutros municipios coma Vilardevós ou A Gudiña.

AVANTAR ACTIVIDADES

Os socialistas afirmaron que a situación orixinada polo fungo que está atacando aos castiñeiros da comarca “é preocupante e está a supor perdas millonarias ao conxunto de produtores e familias de Riós e do resto de municipios das comarcas”. Aproveitaron tamén para lembrar a “necesidade de que se dote a estes concellos de servizos públicos dignos, se reforcen os existentes e se habiliten liñas de axudas directas para os damnificados por circunstancias como a perda de produción de castaña.

O deputado autonómico e secretario de organización do PSdeG-PSOE de Ourense, Juan Carlos Francisco, destacou que os socialistas “temos avaliado uns danos entorno aos 3 millóns de euros e que afecta as economías de moitas familias que empregan a castaña como complemento salarial as súas rendas e pensións”. O parlamentario socialista destacou que estas complementos “son fundamentais e esenciais para a supervivencia de moitas familias”, motivo polo que instou á Xunta “non só a habilitar axudas, senón a atender a necesidade de buscar solucións a enfermidade que padecen os castiñeiros, mediante mecanismos de investigación e innovación”. Francisco apuntou tamén a que “estes concellos das comarcas de Monterrei e Conso Frieiras existen e a Xunta non pode seguilos obviando nos orzamentos”.

Pola súa banda, o voceiro do PSdeG-PSOE e Riós, Daniel Caneiro, apuntou a que dende o grupo municipal socialista “unímonos as reivindicacións para reclamar axudas á Xunta de Galicia” e sinala que “solicitaremos no Concello que se habiliten estas partidas, que son moi necesarias nun concello cun grave problema de despoboamento e coa cuarta renda máis baixa dos concellos de Galicia”.

O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense e voceiro do grupo provincial, Rafael Rodríguez Villarino, afirmou a necesidade de “unir esforzos para reclamar que un sector estratéxico neste territorio da provincia, teña o papel protagonista que merece”. O líder dos socialistas ourensáns alertou de que esta perda de produción e a enfermidade dos castiñeiros “ameaza con rematar cunha saída económica para a poboación de Riós e do resto de concellos da comarca” e anunciou que o PSOE “vai loitar para que sexa posible darlle a castaña o protagonismo que merece nesta terra.