Manuel Baltar reivindica o peso de Ourense e Lugo no Leader e reclama máis fondos para ambas provincias no programa 2023-2027

Fotografías de Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) na grabación de un video para Viaqua.

A Xunta de Goberno aprobou esta mañá unha declaración institucional que lembra o contexto de Ourense e Lugo -“con maior despoboamento e envellecemento”- para apostar por afondar no equilibrio territorial: “É de xustiza que ambas provincias conten cunha maior dotación de fondos”

Na sesión de hoxe concedéronse máis de 759.000 euros en axudas, das que preto de 367.500 están destinadas a cooperación con entidades e máis de 391.600 a colaboración cos concellos

AVANTAR ACTIVIDADES

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, defendeu esta mañá o peso de Ourense e Lugo como territorios determinantes en Galicia para a percepción dos fondos europeos Leader, polo que reclamou que se teña en conta esta circunstancia no próximo programa de financiamento, 2023-2027, aumentando a dotación dos recursos que reciben ambas provincias. A reivindicación de Manuel Baltar está recollida nunha declaración institucional aprobada esta mañá na Xunta de Goberno da Deputación, advertindo o presidente “que se podería estar a producir unha duplicidade de financiamento nas provincias da Coruña e Pontevedra pola concesión destas axudas e a recepción doutras achegas relacionadas coa súa condición de territorios costeiros”.

A declaración sinala que Ourense e Lugo son as provincias “que teñen o maior despoboamento, o máis alto envellecemento e a menor densidade de poboación, criterios todos eles que indican o seu alto grao de ruralidade”. No documento recórdase que o programa Leader -que cumpre 30 anos en Galicia- aporta fondos para apoiar estratexias que xeren riqueza e emprego nas zonas menos desenvolvidas, polo que as provincias do interior “son determinantes no conxunto de Galicia para a percepción destes fondos, parte deles xestionados polos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR)”.  A xestión dos GDR foi un aspecto destacado por Manuel Baltar, que subliñou que a Deputación de Ourense é primeira de Galicia en integrarse como socia nas asembleas das seis agrupacións existentes na provincia, achegando ademais soporte técnico e económico.

Engade a declaración institucional que na maior parte das provincias da Coruña e Pontevedra e xunto cos GDR que xestionan os fondos Leader tamén funcionan os denominados Grupos de Acción Costeira que controlan o Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (Fempa), “o que supón dispoñer dun dobre financiamento”. Por este motivo, enténdese “de xustiza que as estratexias de desenvolvemento local participativo das provincias de Ourense e Lugo conten cunha maior dotación de fondos no próximo programa Leader 2023-2027”.

Cooperación con entidades

Xunto con esta declaración institucional, a Xunta de Goberno aprobou hoxe a concesión de máis de 759.000 euros en axudas, das que preto de 367.500 están destinadas a cooperación con entidades e máis de 391.600 a colaboración cos concellos. No capítulo de cooperación con entidades resolveuse o concurso público de concesión de subvencións para proxectos de carácter social, por un importe próximo a 255.000 euros que se distribuirán entre 65 fundacións e asociacións que traballan nos máis variados ámbitos como a discapacidade, dependencia, saúde e sanidade, infancia ou colectivos en risco de exclusión social. 

Neste mesmo apartado aprobouse unha achega 26.000 euros ao Liceo de Ourense para gastos de funcionamento; 17.000 euros á Asociación Musical de Trasmiras coa mesma finalidade; tamén con idéntico obxectivo outros 40.000 euros para o Club Deportivo Cultural Ribeiro; e preto de 25.000 euros á Diócese de Astorga para o pintado exterior da igrexa de Sobradelo. Cómpre engadir ademais a aprobación dunha nova subvención para iniciativas empresariais e de autoemprego no rural, no marco do programa EmprendOU, por importe de 4.500 euros para a posta en marcha dun proxecto no sector da alimentación a desenvolver en Viana do Bolo.

Colaboración con concellos 

Entres as subvencións aprobadas en cooperación cos concellos figuran máis de 30.000 euros para o camiño Outar de Prego no concello do Bolo; 11.500 euros para servizos de fisioterapia en Carballeda de Valdeorras; e 100.000 euros para a rehabilitación da antiga casa cuartel de Xunqueira de Ambía. Concedéronse ademais 175.000 euros ao Concello de Cortegada para a adquisición do antigo balneario, “dentro da nosa aposta irrenunciable polo termalismo”, apuntou Manuel Baltar, así como tamén 75.000 euros para o Centro Agroforestal de Riós, “sobre o que estamos en conversas coa Consellería de Medio Rural para facernos cargo destas instalacións a medio prazo, onde se traballa cun produto indispensable da nosa despensa como é a castaña”.

A orde do día da Xunta de Goberno incluíu tres asuntos máis relacionados coa formación e a cultura. En primeiro lugar a programación e prezos do curso 2022-2023 do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo-Escola de Danza, que ofertará un total de 410 prazas nos cinco obradoiros programados. Tamén se aprobou a programación da Escola Provincial de Gaitas para o próximo curso, que comezará o 1 de outubro e ofrece os ciclos elemental, medio, superior e adulto de gaita, percusión, canto e pandereita e zanfona. Por último tamén contou co visto bo a proposta de programación da Escola de Artes e Oficios, que principiará o 3 de outubro nas disciplinas de debuxo, pintura, talla, modelado e escultura e madeira e barro e oleiría.