A Corporación aproba unha iniciativa na que se reclaman compensacións ao Goberno central para os concellos de Lobios e Entrimo polo encoro de Lindoso

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O pleno aprobou por unanimidade unha iniciativa na que se recollen unha serie de medidas para o reforzo da promoción do galego desde a institución provincial. Tamén acordouse instar ao Grupo FORVIA para garantir o mantemento do emprego na empresa Faurecia

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Na orde do día figuraba a aprobación inicial do Plan CooperOU 2025, dotado con 18 millóns de euros para financiar desde a institución provincial obras e servizos de carácter municipal, así como as modificación das bases do plan para facilitar e axilizar a xustificación de investimentos e gastos por parte dos concellos

Ourense, 28 de febreiro de 2025.

O pleno da Deputación de Ourense aprobou esta mañá, na sesión correspondente ao mes de febreiro, tres iniciativas relacionadas con compensacións económicas aos concellos ourensáns con encoros transfronteirizos, a defensa do emprego na industria auxiliar de automoción en Ourense e a promoción do galego desde a institución provincial.

A primeira das mocións refírese aos tributos dos encoros transfronteirizos, que no caso ourensán afectan aos concellos de Lobios e Entrimo a través do encoro de Lindoso. Así, a corporación provincial acordou instar ao Goberno Central a que estude as posibilidades de establecer compensacións económicas a estes concellos con encoros transfronteirizos, onde as empresas que os explotan non tributan en España.

Do mesmo xeito, tamén se acordou instar ao Goberno central a modificar o real decreto que establece un sistema de valoración uniforme para as construcións hidroeléctricas, a fin de que os concellos nos que están situados estes encoros non se vexan prexudicados ao reducirse a súa recadación.

Apoio ao emprego en Faurecia

A Corporación tamén chegou a un acordo para instar ao Grupo FORVIA a garantir o mantemento dos 300 postos de traballo do persoal que actualmente forma parte da empresa Fairecia Auromotive España S.A, con sede no polígono de San Cibrao das Viñas.

Ademais de instar a Forvia a garantir os postos de traballo, o pleno tamén aprobou instar á Xunta de Galicia a que reclame ao Goberno central o deseño de convocatorias de axudas para o sector da automoción e as industrias auxiliares, a fin de que garantan o emprego de proximidade e eviten a deslocalización.

Defensa do galego

Na sesión aprobouse, por unanimidade, unha iniciativa na que se recollen unha serie de medidas para o reforzo da promoción do galego desde a institución provincial.

En concreto, ínstase á Deputación de Ourense a crear un programa de cooperación plurianual con concellos para o fomento do galego desde o ámbito municipal e que poidan contar con servizos de normalización lingüística, “co obxectivo de incrementar o uso e prestixio da lingua galega en todos os ámbitos sociais dos municipios e comarcas”.

O segundo punto do acordo insta á Deputación a que o Servizo de Normalización Lingüística colabore con outros departamentos da institución provincial, nomeadamente a Área de Cultura, na planificación e desenvolvemento de accións de fomento do uso e prestixio do galego. Ademais, crearase un plan de actuación para o fomento do uso do galego en todo o territorio da provincia.

Plan CooperOU 2025

Na orde do día figuraba a aprobación inicial do plan provincial de cooperación cos concellos, o Plan CooperOU 2025, dotado con 18 millóns de euros para financiar desde a institución provincial obras e servizos de carácter municipal.

Un plan ao que acompañan as súas bases de execución, presentadas tamén ao pleno. As normas neste ano reflicten una serie de modificacións destinadas a facilitar e axilizar a xustificación de investimentos e gastos por parte dos concellos en diferentes casos, como nas obras executadas en varias anualidades; os prazos para presentar solicitudes de modificación do plan provincial; a procedencia de achegar a acta de recepción nas actuacións incluídas no programa de investimentos; e a valoración do cumprimento da finalidade da achega e límite do importe dos anticipos.

Outros asuntos de trámite

A Corporación tamén deu luz verde ao cambio de uso das antigas oficinas do Inorde, ao carón do Centro Cultural Marcos Valcárcel, co fin de habilitar o espazo físico que ocupará o Centro Intelixente para a xestión provincial da auga (AQUAOU), unha das accións prioritarias que contempla o proxecto “OU-intelixente” para a dixitalización da xestión do ciclo da auga.

Aprobouse ademais un convenio de cooperación entre a Deputación e os concellos de Cenlle, Punxín e San Amaro para contratar o servizo de explotación e mantemento do subministro de enerxía eléctrica ás instalacións de abastecemento en alta de “Razamonde-San Trocado”, así como a actualización do Inventario Xeral de Bens e Dereitos da Deputación, cuxo valor é de 1.870.715.325,02 euros.