O presidente provincial lembrou a liña de colaboración que ten activa a Deputación para o mantemento desta infraestrutura, e avanzou que a posta en valor dos recursos do territorio “é unha das estratexias que guían a nosa acción de goberno e así continuará a ser, sempre da man da cooperación institucional, para crear riqueza e emprego na nosa provincia”
Ourense, 13 de marzo de 2025.
O presidente provincial, Luis Menor, que acompañou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na visita ás obras de mellora do Castelo de Monterrei, enxalzou o “esforzo inversor” que está a realizar o Executivo Autonómico na mellora deste monumento, cuxo investimento é de 14,5 millóns de euros, que serán destinados a “recuperar a nosa historia e actuar como elemento dinamizador turístico potenciando o noso patrimonio”.
O presidente da Deputación recalcou que investimento culminará coa creación dun gran polo de atracción nos ámbitos turístico e cultural que se multiplicará grazas á cercanía da estación AVE da Gudiña, lembrando a proximidade da Fortaleza coa Vía da Prata.
Luis Menor lembrou tamén a liña de colaboración que ten activa a Deputación para o mantemento desta infraestrutura, destacando que cada administración e de distinto modo, pero cun fin único, traballan conxuntamente para promover o turismo cultural, incentivar o coñecemento do patrimonio cultural e histórico galego e contribuír ao desenvolvemento económico da comarca. “Con esta liña de colaboración contribuímos ao bo estado dun símbolo da comarca, da provincia e de toda Galicia”, proclamou, avanzando neste senso que “a posta en valor dos recursos do territorio “é unha das estratexias que guían a nosa acción de goberno e así continuará a ser, sempre da man da cooperación institucional, para crear riqueza e emprego na nosa provincia”.