A Agrupación Cultural Avantar do Carballiño organiza un concerto na lembranza do cantautor galego Suso Vaamonde, coincidindo co 25º cabodano do seu pasamento. O recital correrá a cargo de O Leo de Matamá e Andrés Fernández, e terá lugar o vindeiro venres, 21 de marzo, a partir das 23,00 horas, na Adega de Flores.
Xesús Vaamonde Polo, nado en Rego do Vargo (A Ínsua, Ponte Caldelas) o 20 de decembro de 1950, estudou no Colexio Apóstol Santiago de Vigo. Compositor dende os 16 anos, comezou a darse a coñecer na antiga Asociación Cultural de Vigo. Seguindo por este camiño, entrou dende mozo en contacto coa movida roqueira en Vigo, que o levou a formar parte dos grupos musicais Os Copens e Marco Balorento, este último en 1967, e co que gañou o seu primeiro premio nun festival organizado por unha emisora de radio da cidade. Os seus comezos son máis ben beat e rock, con Os Copens xa se achegaba ao folk, a Bob Dylan ou Joan Baez, entre outros, e xa comeza a compor en galego
De aí pasou ó movemento Voces Ceibes a principios dos anos 70, deixando un pouco de lado o seu labor de letrista para, acompañado da súa guitarra, poñer voz e música a ducias de poemas. Tanto en grupo como na súa posterior carreira en solitario, o seu traballo de cantautor xirou sobre un triplo pensamento que o acompañou ata o leito de morte: defensa dun pobo, dunha terra e dunha fala.
Púxolle música a textos de Castelao, Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro, Alfredo Brañas, Méndez Ferrín, Novoneyra, Bernardino Graña, Neira Vilas, Manuel María ou Ramón Cabanillas, entre outros, levando as súas voces por toda España, Portugal, Francia, Suiza, Alemaña, Reino Unido, Arxentina ou Venezuela.
Suso Vaamonde, enfermo de cancro, finaba en Vigo o 16 de febreiro do 2000.