O PSdeG-PSOE presenta mañá unha iniciativa para que a Xunta active medidas contra a praga de flavescencia dourada nos viñedos do Ribeiro

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, por iniciativa das súas deputadas, Carmen Rodríguez Dacosta e Lara Méndez López, a través do portavoz e ao abeiro do disposto no artigo 160 do Regulamento da Cámara, presenta mañá ante a Mesa do Parlamento unha proposición non de lei na que reclaman da Xunta un plan de choque contra a expansión da ‘flavescencia dourada’, que está a afectar aos viñedos da Denominación de Orixe Ribeiro.

A sucesión de brotes de flavescencia dourada nos últimos dous anos provocou que a praga xa estea presente en moitas explotacións próximas á conca do río Miño. Esta situación levou a que tanto na D.O Ribeiro a enfermidade sexa xa endémica e, de non actuar con decisión, extenderase á D.O Monterrei, segundo entende a organización Unións Agrarias. A organización insta a Xunta de Galicia a actuar nunha tripla dirección. Por unha banda, realizando controis máis esixentes de certificación fitopatolóxica nos viveiros que neste momento están a achegar novas cepas ás explotacións, co fin de evitar a entrada de plantas afectadas pola enfermidade.
En paralelo, intensificar a campaña de información a todos os elos da cadea vitivinícola para que teñan un coñecemento claro sobre como actuar de maneira eficaz ante unha das enfermidades fitoplasmáticas máis importantes e prexudiciais.

Para a organización agraria, tamén é moi importante que a Xunta de Galicia actúe xa para tratar de controlar, antes da primavera, a actividade do insecto transmisor (Scaphoideus littoralis), mediante trampas. Para iso, é necesario dotar de orzamento un protocolo urxente de intervención nas parcelas abandonadas, co fin de arrincar as cepas e evitar que estas se convertan nun reservorio e un foco de propagación desta enfermidade letal para as viñas.

Ademais, da aplicación de tratamentos fitosanitarios para combatela, a eliminación das cepas afectadas supón unha parte fundamental da metodoloxía para aplicar. A organización considera necesario abordar a situación con rigor e celeridade, e buscar métodos para controlar unha praga que avanza desde Portugal e cuxa propagación podería ter consecuencias nefastas. Neste sentido, Unións Agrarias fai un chamamento para que a Xunta de Galicia dea un paso adiante e impulse sen demora un plan de acción que permita implementar as medidas necesarias para frear o problema antes de que se agrave novamente coa chegada da primavera.

Ante esta situación, o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia propoñen que o Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a adoptar as seguintes medidas para o control da praga na D.O Ribeiro:

  1. Realizar controis máis esixentes de certificación fitopatolóxica nos viveiros
    que neste momento están a achegar novas cepas ás explotacións, co fin de
    evitar a entrada de plantas afectadas pola enfermidade.
  2. Presentar un protocolo urxente de intervención nas parcelas abandonadas,
    co fin de arrincar as cepas e evitar que estas se convertan nun reservorio e un
    foco de propagación desta enfermidade letal para as viñas.
  3. Intensificar a campaña de información a todos os elos da cadea vitivinícola
    para que teñan un coñecemento claro sobre como actuar de maneira eficaz
    ante unha das enfermidades fitoplasmáticas máis importantes e prexudiciais.
  4. Elaborar un plan de acción que permita implementar as medidas necesarias
    para frear o problema antes de que se agrave novamente coa chegada da
    primavera.