A Fundación Insua dos Poetas celebrará o vindeiro venres, 21 de marzo, o Día Mundial da Poesía e da Árbore a través dun programa de actividades no que terán especial protagonismo os escolares da comarca do Carballiño. A xornada, que terá lugar no parque cultural A Esgueva (Madarnás, O Carballiño), conta co patrocinio da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, así como a colaboración do Concello do Carballiño.
O Día Mundial da Poesía e da Árbore na Insua dos Poetas dará comezo ás 11,00 horas coa recepción dos centros de ensino da contorna, que achegarán a este espazo cultural a máis de 300 alumnos. O alumnado recitará poemas dos autores máis relevantes da literatura galega e a organización entregaralles lotes de libros como agasallo conmemorativo desta data. No remate do acto, os participantes interpretarán o Himno de Galicia e os estudantes levarán a cabo a plantación de diversas prantas de árbores autóctonas na paraxe natural da Ínsúa dos Poetas.
O Día Mundial da Poesía é unha iniciativa da Unesco, impulsada en 1999, que se comezou a celebrar en todo o mundo a partir do 2000. Dende 2012, a Fundación Insua dos Poetas celebra cada 21 de marzo esta data nesta área natural da Esgueva, sempre co protagonismo do alumnado da comarca.