A Corporación Municipal do Carballiño debatirá o vindeiro xoves, na sesión plenaria correspondente ao mes de marzo, as alegacions presentadas polos grupos políticos da oposición (Espazo Común e BNG) aos orzamentos do Concello para o presente ano, que serán aprobados definitivamente en caso de ser rexeitadas. O acordo de aprobación inicial foi tomado polo Pleno o pasado 30 de xaneiro, de xeito que as partidas económicas ascenden a un montante global de 11.217.136,63 euros, dos cales 640.000 euros serán adicados a investimentos. O expediente correspondente contou cos 11 votos a favor do goberno local, integrado por PSOE e PP, e os seis en contra da oposición (cinco de Espazo Común e un do BNG).
O alcalde, Francisco Fumega, apuntou que “estes son uns orzamentos expansivos, xa que pasan dos 9,2 millóns de 2022 aos 11,2 actuais, nun Concello que só ten 182.000 euros de endebedamento, e coas achegas previstas doutras administracións como Xunta e Deputación, a cantidade global orzamentaria supera os 15 millóns de euros”. Para a ampliación do pavillón deportivo do colexio da Uceira, o Concello consigna o 20% dos 600.000 euros previstos no proxecto, e o resto será aportado pola Consellería de Educación. No caso da reforma da Praza de Abastos, o Concello destina tamén o 20% (uns 150.000 euros) do total presupostado de 800.000 euros, mentres para o proxecto da Praza Maior a achega municipal ao Plan Hurbe rondará os 140.000 euros.
O grupo municipal de Espazo Común formulou un total de 75 alegacions a estes orzamentos, entre as que destacan a solicitude de aumento nas partidas de axudas para libros de texto, equipamento para o Grupo Municipal de Emerxencias, recursos para o rural, emerxencia social, a ampliación de Espiñedo, a creación de parques para mascotas e para a Casa da Xuventude. Tamén demandan que, asumindo que outro ano máis a meirande parte das subvencións van ser outorgados de xeito directo segundo o criterio dos do goberno, se inclúa a dous colectivos culturais que quedaron fóra por causas descoñecidas nos últimos anos como son Avantar e Pepa Loba.
O outro grupo da oposición, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) propón un plan a tres anos, entre 2025 e 2027, cun enfoque na mellora dos servizos públicos, as infraestruturas, o fomento da cultura, a promoción económica e a sustentabilidade medioambiental. Entre as súas principais propostas destacan a construción dunha casa para a mocidade, un centro de día para maiores, novas infraestruturas deportivas, melloras no conservatorio municipal, inversión en instrumentos e actividades, creación dunha escola de música tradicional e un maior apoio ao comercio local e ao uso do galego.