O PSOE alerta de que o concello de Ourense deixou que a concesión do servizo de comedor sobre rodas entrara en precario en febreiro

A portavoz do grupo municipal socialista, Natalia González Benéitez, alertou logo das xuntas de área, que tiveron lugar esta mañá, de que o goberno de Jácome “pasou de comprometerse a licitar o servizo de comedor sobre rodas a deixar que a concesión entrara en precario en febreiro e pedir in extremis o rescate á Xunta de Galicia a través da adhesión ao programa Xantar na Casa”.

Nesta liña, destacou a “falta de empatía” e deixadez política que provocou que nos últimos 8 anos de executivo de DO e o PP este servizo pasara de arredor de 400 persoas usuarias a unha cifra actual de 62 e sen que exista lista de agarda. “A medida de recorrer ao convenio co goberno autonómico para xestionar o comedor non é máis que un parche previo á desaparición do mesmo”, xa que non é ampliable o número de usuarios.

AVANTAR ACTIVIDADES

“Non é normal que Ourense conte só con 62 persoas usuarias e municipios como Pereiro de Aguiar, por exemplo, con case o mesmo número (ten 45). Isto quere dicir que non hai vontade política para a súa continuidade e que non se apostou, en ningún momento, pola súa promoción nin por dotalo dunha maior calidade co paso dos anos”, lamentou a tamén secretaria xeral do PSdeG na cidade.

Na xunta de área de Servizos Sociais confirmouse, por parte da edila, que a concesión entrara xa en precario o pasado 28 de febreiro e que aínda non se aprobara nin sequera en xunta de goberno local o convenio de adhesión a “Xantar na Casa” para a súa entrada en funcionamento. O rescate do comedor sobre rodas a través deste convenio suporá que o prezo do menú sexa de 6,60€ por persoa e día e que os e as usuarias se fagan cargo do 26,67% do importe, mentres que o Concello aportará o 26,67% e o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar o 46,67% restante.

“O servizo de Comedor sobre Rodas púxose en marcha por parte dos socialistas no mandato 2007-2012 e foi un dos programas pioneiros, e de maior demanda no seu momento, dado que aportaba unha axuda fundamental garantindo unha alimentación adaptada ás necesidades de persoas maiores e dependentes, perfectamente accesible para os e as usuarias de maior vulnerabilidade económica”, rematou lembrando González Benéitez.

Tamén confirmaron ás edís esta mañá a paralización por parte do executivo de Jácome de todos os Consellos Municipais de Benestar Social e Saúde -que dan participación a entidades, colectivos e partidos politicos, a ausencia total de iniciativas en materia de saúde dende a propia concellería-. Así como a falla de avances en canto á licitación de servizos en precario como a teleasistencia domiciliaria e o centro de día actualmente xestionado por Aixiña.