Baltar reclama “directrices claras e eficaces” para evitar incertezas fronte ao COVID-19

Videoconferencia Manuel Baltar con Salvador Illa (Ministro de Sanidade).

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, cualificou hoxe de “decepción total” a xestión que está a levar a cabo o Goberno de España na prevención e loita contra o COVID-19. “Non hai certezas para a poboación nin orzamentos para as entidades locais”, afirmou, remarcando que “non se nos informa sobre o impacto do proxecto de lei de orzamentos do Estado nas economías locais, nin tampouco se concreta a repartición dos fondos comunitarios, tan necesarios para que podamos facer fronte á pandemia”, lamenta o presidente Baltar. Manuel Baltar participou esta mañá na reunión celebrada entre a Xunta de Goberno da FEMP, da que Baltar é membro, e os ministros de Sanidade e Política Territorial, Salvador Illa e Carolina Darias. O encontro, que tivo lugar por videoconferencia, contou tamén coa presenza de alcaldes de grandes cidades de España, e o seu obxectivo foi informar sobre a situación actual da pandemia e das iniciativas que se están implementando desde o Goberno en colaboración con deputacións, concellos e comunidades autónomas. Baltar reclama no novo escenario de estado de alarma desta segunda onda “directrices claras e eficaces para evitar incertezas na poboación en canto ás medidas que hai que adoptar fronte ao COVID-19”, destacando: “Canta máis cooperación haxa entre administracións, menos bandazos en normativas e recomendacións daranse. O éxito das medidas dependerá da claridade con que enviemos a mensaxe á sociedade e da responsabilidade social que todos asumamos nunha batalla que necesita de liderado, eficiencia e cumprimento estrito das indicacións sanitarias”, afirma Manuel Baltar “Este intercambio directo de información permite coñecer a incidencia e evolución da pandemia nos nosos ámbitos local e provincial, pero a continuación hai que actuar e poñer os medios para iso, para o que o Goberno mostrouse ata o de agora ineficaz”, remarca Baltar, quen destaca “o sobresaliente comportamento da poboación ourensá nuns momentos que requiren, coa mesma firmeza coa que afrontamos a primeira onda, dunha colaboración máxima entre administracións e veciñanza”, expresa o presidente Baltar.