O alcalde de Ribadavia e presidente da Rede de Xuderías de España-Camiños de Sefarad, César Fernández, visitou Madrid esta mañá para avanzar no seu obxectivo de iniciar relacións con colectivos e entidades culturais doutras nacións. Desde que o rexedor ourensán asumiu o liderazgo da Rede, o pasado xaneiro, propúxose fomentar a visibilidade da vintena de localidades integradas na organización e o turismo cultural e histórico.
Nesa liña, Fernández reuniuse esta mañá con Antonio López de Ávila, director de Innovación, Educación e Inversión de ONU Turismo, para estreitar lazos e identificar oportunidades de colaboración que permitan impulsar o turismo cultural sostible nas localidades que forman parte da Rede. “É unha oportunidade clave para o inicio da internacionalización da Rede de Xuderías e tamén para Ribadavia, para converterse nun destino turístico de primeira magnitude dentro do ámbito do legado sefardí”, asegura o alcalde. O encontro contou coa participación do director da oficina de Turismo de Ribadavia, Antonio Míguez, e co director xerente da Rede, Iñaki Echeveste.
En xuño, Ribadavia acollerá a asamblea anual da Rede, na que se asinará un memorando con ONU Turismo para favorecer a promoción e visibilidade do valor histórico e patrimonial do municipio ourensán e do resto de localidades. O rexedor ribadaviense tamén se reuniu con David Obadía, presidente da Federación de Comunidades Judías de España, con quen conversou sobre iniciativas e obxectivos en común. Ambos valoraron posibles accións conxuntas para visibilizar a pegada sefardí na península e impulsar o turismo respectuoso.
Tamén co obxectivo de avanzar na internacionalización, César Fernández mantivo esta mañá un encontro con Santiago Herrero, director de relacións culturais e científicas da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID). Fernández e Herrero asinarán un convenio de colaboración para realizar actividades de promoción cultural da Rede de Xuderías no estranxeiro a través de embaixadas, consulados e centros culturais. Deste xeito, a AECID promulgará iniciativas para visibilizar Ribadavia e o resto de localidades nas embaixadas de 130 países e nos consulados de 60 nacións.