
A próxima fin de semana, Cine Club Carballiño ofrecerá no Auditorio do Carballiño dúas películas para pechar a programación de marzo. O venres, día 28, proxectarase unha estrea moi recente, “La tutoría”, debut tra-la cámara na longametraxe do seu director, Halfdan Ulmann. Candidata aos Oscar por Noruega, o filme obtivo a Cámara de Ouro no pasado Festival de Cannes e o Premio Discovery nos Premios do cine europeo. Está protagonizada por Renate Reinsve (“La peor persona del mundo”) e está ambientada no mundo escolar.
Armand, un neno de seis anos, é acusado de traspasar certos límites co seu amigo e compañeiro de clase Jon. Ninguén sabe exactamente que ocorreu, así que a dirección do colexio convoca aos pais para discutir o tema, desencadeando un axitado conflito que porá sobre a mesa cuestións como a sexualidade na infancia, a culpabilidade ou a complexidade das zonas grises que existen na violencia e o xogo. Os pases serán coma sempre no Auditorio Manuel María do Carballiño ás 20,00 horas en versión dobrada ao castelán e ás 22,30 horas en versión orixinal subtitulada (VOS).
E o domingo día 30 de marzo, tamén no Auditorio municipal, Cine Club ofrecerá a súa sesión de ‘Filmoteca’, ás 19,00 horas en VOS, coa proxección da película francesa “El último verano”, dirixida por Catherine Breillat. Anne, unha brillante avogada que vive co seu esposo Pierre e as súas fillas, entabla gradualmente uhna relación apaisoada con Theo, o fillo de Pierre dun matrimonio anterior, poñendo en perigo a súa carreira e a súa vida familiar. Foi premio especial do Xurado no Festival de Xixón. O prezo da entrada será de 3€.