- Ramón Seijas, presidente de Acauto, e Ángel Mirón, delegado episcopal de Cáritas protagonizaron a entrega deste cheque solidario
- Cáritas destinará a cantidade a comedores sociais durante estas datas do Nadal
_ Un ano máis, a Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense, -Acauto- fixo entrega da recadación solidaria que os concesionarios realizan polas vendas nas dúas edicións do Salón do Automóbil deste ano, achegando 15 euros por cada coche vendido nestes certames.
Nesta ocasión foron 4.680 euros os doados por esta entidade empresarial a Cáritas, que empregará este diñeiro nos comedores sociais nestas datas tan especiais, segundo afirmou o delegado episcopal Ángel Mirón.
Desde 2016, ano en que a asociación decide iniciar esta recadación solidaria, foron xa 43.315 os euros destinados a obras sociais de maneira continuada, unha acción que, en palabras de Ramón Seijas, presidente de Acauto ‘estamos realmente satisfeitos e contentos de poder facer outro ano nestas datas, e esperamos que así sexa por moitos máis’.
Ramón Seijas, presidente da asociación, realizou a entrega deste cheque esta mañá ao delegado episcopal de Cáritas, Ángel Mirón, diante da sede desta entidade, nun acto simbólico no que tamén participaron Javier Soto, secretario xeral de Cáritas, e outros membros da asociación empresarial de concesionarios como José Vilarchao, César Fernández, Marcos Sampedro e Sergi Sánchez.