O ‘Salón do Vehículo Clásico’ de Ourense consolídase no calendario anual dos amantes dos clásicos

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O Salón do Vehículo Clásico volve bater as súas cifras e nesta terceira edición aumenta a cantidade de visitas, ao redor de 8.000, o que o posiciona xa como unha cita anual ineludible para os afeccionados aos vehículos de época e competición. Os visitantes que se achegaron esta fin de semana ao recinto de Expourense sorprendéronse pola pola cantidade, calidade e singularidade dos coches expostos e pola enorme variedade de produtos e servizos que ofrecían os 57 expositores participantes. Os propietarios de clásicos envorcáronse ademais con esta cita acudindo a ela a bordo do seu clásico e durante os dous días o salón recibiu máis de 500 vehículos clásicos particulares. A cuarta edición celebrarase en abril de 2026.

Durante esta segunda xornada foron entregados tamén os premios do 2º Concurso de Elegancia do salón. O xurado profesional estableceu dúas categorías cronolóxicas e premio un clásico de antes de 1970 e outro posterior. O MGA 1600 de 1960 de Pablo Quintas e o Mercedes R 107 Cabrio de 1984 de José Manuel Filloy foron os gañadores. Na categoría de votos do público a través das redes sociais do salón o gañador foi o Ford Escort Cosworth de 1992 de David García que conseguiu 418 votos entre os seguidores da conta do Salón en Instagram.

Tamén se entregaron hoxe os premios da segunda edición do Concurso “O meu clásico de portada” que regalaba aos gañadores o cartel promocional da feira de 2026 coa imaxe do seu clásico. Os gañadores foron Xoan Brandán Castedo de Lugo co seu Ford

Maverick GL de 1993; Pachi García de Maside (Ourense) co seu BMW E21 318i de 1994 e Isaac Leis de Santiago de Compostela co seu Renault Clío Williams Fase 2 de 1994.

Seguindo coas premiaciones das distintas competicións que albergou esta terceira edición, nesta última xornada entregáronse tamén os premios do Rallye de Clásicos de Slot Cidade de Ourense nas categorías júnior e infantil. Xacobe Fernández Vaamonde (júnior) e Noé Rodríguez Martínez (infantil) foron os gañadores.

E un dos momentos de maior emoción da xornada de hoxe foi a gran final do 2º Campionato de Simracing de Clásicos organizado pola empresa ourensá Xog-on co apoio do Concello de Ourense e que contou con 187 rexistrados. Foi unha emocionante final narrada polo youtuber Mario Soler que se disputou no circuíto virtual de Suzuka (Xapón) con Mazda RX 7. O gañador foi Mario Dans de Arteixo ( A Coruña).

Esta cita foi tamén o espazo elixido por unha vintena de escuadras e de clubs para promocionar as súas próximas concentracións, rallyes e quedadas. Unha delas, o Club de Clásicos do Irixo vendeu ademais rifas a 1 euro para participar no sorteo dun Ford Festa MK2 de 1988 e dunha Vespa.

Hoxe tamén se celebrou o segundo Roteiro de Clásicos do salón na que participaron medio centenar do coches e motos clásicas que fixeron un percorrido desde Expourense ata a sede da Fundación Estanislao Reverter situada na Estación de santa Cruz de Arrabaldo do Inorde. Esta actividade contou coa colaboración da Escuadra de Clásicos Ourense. Tamén a xornada elixida polo Club de Alfistas (Alfa Romeo) de Galicia para organizar unha quedada de socios en Ourense.

A próxima cita feiral de Expourense está relacionada tamén o sector do automóbil. A última fin de semana do mes de abril, do 25 ao 27, o recinto acolle o VII Car Outlet Ourense que organiza de forma conxunta coa Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense, ACAUTO.