O programa ‘Concilia na Pascua’ de Ribadavia supera a participación do pasado ano con 35 nenas e nenos

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O Concello de Ribadavia vén de pechar o prazo de inscrición para o programa municipal de conciliación durante as vacacións de Semana Santa, “Concilia na Pascua 2025”, cun total de 35 nenos e nenas inscritos, o que supón un incremento de 5 participantes respecto ao ano pasado. A actividade comezará o vindeiro luns 14 de abril e desenvolverase nas instalacións do antigo colexio da Alameda.

Este programa está dirixido a nenos e nenas de 3 a 14 anos, nados antes do 31 de decembro de 2021, e ten como obxectivo facilitar a conciliación da vida laboral e familiar das familias do municipio, ademais de ofrecer unha experiencia lúdica e educativa que favoreza a autonomía e o desenvolvemento persoal dos menores.

As actividades realizaranse os días 14, 15, 16 e 21 de abril, en horario de 8:30 a 14:00 horas. A capacidade máxima do programa está establecida en 40 prazas, das cales case todas foron cubertas, quedando só 5 vacantes. Cómpre destacar que 31 dos 35 inscritos están empadroados en Ribadavia, o que reflicte o forte interese e aproveitamento local desta iniciativa.

O custo da actividade foi de 20 euros para persoas empadroadas e 36 euros para non empadroadas, con bonificacións especiais para familias numerosas, monoparentais ou con fillos/as con discapacidade.

Dende o Concello valórase moi positivamente a boa acollida que este servizo ten cada ano e reafírmase o compromiso de seguir desenvolvendo políticas activas de conciliación que respondan ás necesidades das familias de Ribadavia.