O grupo municipal de Espazo Común vén de presentar unha moción para o seu tratamento polo Pleno da Corporación, na que demandan “se volte solicitar o proxecto dunha nova autovía entre Ourense e Pontevedra, coa circunvalación ao seu paso polo Carballiño, que garanta a seguridade dos usuarios da N-541”. Esta formación política apunta que “esta estrada atravesa o noso casco urbán coma unha espada nunha zona que xa hai anos que está densamente poboada, con moitas edificacións e gran cantidade de negocios“, unha travesía integrada pola Avenida 25 de Xullo, as rúas Francisco Castelló e Pontevedra e que prolonga ata a Ponte de Godás do Río.
Dende Espazo Común salientan que, “este tramo, xunto co resto do seu percorrido pola nosa comarca, está considerado, segundo datos oficiais, coma un dos puntos negros máis perigosos da rede de estradas de toda España“ e que “os atropelos e accidentes que se dan constantemente en 25 de xullo dan boa fe do que se afirma“. E lembran que a Corporación do Carballiño “aprobou en varias ocasións propostas relacionadas con proxectos para a solución deste grave problema: a construción dunha circunvalación que evite o paso de tanta densidade de vehículos por esta zona foi unha delas e a solicitude ao Ministerio dunha nova autovía máis moderna e segura foi outra“.
Ao respecto, indican que, “de feito, para reivindicar esta última, diversos alcaldes afectados polo percorrido desta ‘nacional mortal‘, fartos dos accidentes e desgrazas, conformaron o Pacto de Pedre, xurdido a raíz do fatal sinistro dun autobús no Nadal de 2022, para pelexar por esta idea“. As reivindicacions non obtiveron unha resposta axeitada, xa que “dende o Goberno de Madrid, o único que recibiron foron portazos e a negativa a calquera posibilidade de acometer este proxecto, pois o desvío por Vigo é para eles unha boa opción“.
Así, que Espazo Común considera que „O Carballiño ten que liderar esta demanda e o Pacto de Pedre debe converterse nun movemento social de relevancia que deixe claro que non todos os que vivimos aquí somos gregarios obedientes dos que perxudican os nosos intereses“.