O Psoe censura a Gonzalo Pérez Jácome e esixe que retire inmediatamente os seus comentarios racistas en redes sobre os xogadores de fútbol do Real Madrid 

“Trátase dunha reflexión persoal fóra de lugar e impropia da máxima autoridade da nosa cidade a través das súas redes sociais, que dana unha vez máis a imaxe de Ourense”, sinala a voceira do PSdeG no Concello, Natalia González Benéitez 

“Non se pode permitir que o alcalde diga as burradas que di co único obxectivo de facerse viral e causando vergoña, estupor e odio cara aos e ás ourensás por non saber estar á altura da representación institucional que ostenta dende fai 6 anos e na que o PP decidiu colocalo”, engade

Ourense, 17 de abril de 2025. As e os edís do grupo municipal socialista do Concello de Ourense lamentan a actitude do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, ante o comentario racista expresados nas súas redes sociais sobre as fichaxes do equipo de fútbol do Real Madrid. “Trátase dunha reflexión persoal fóra de lugar e impropia da máxima autoridade da nosa cidade a través das súas redes sociais, que dana unha vez máis a imaxe de Ourense e que neste caso, ademais, ten unha desafortunada connotación racista impropia dun cargo público e totalmente arcaica e retrógrada que non se corresponde en absoluto coa do resto da veciñanza de Ourense”, advirte a portavoz do PSdeG na Administración local, Natalia González Benéitez.

Esixen, neste senso, que o rexedor rectifique e “pida disculpas públicas”, así como que borre “inmediatamente esa publicación”. 

“Non se pode permitir que o alcalde diga as burradas que di co único obxectivo de facerse viral e causando vergoña, estupor e odio cara aos e ás ourensás por non saber estar á altura da representación institucional que ostenta dende fai 6 anos e na que o PP decidiu colocalo, a pesares de estar resultando letal para a nosa cidade, tal e como dixo Feijóo”, remata contundente a tamén secretaria xeral do partido en Ourense.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------