As dependencias de Frigoríficos Arcos, ubicadas na área industrial da Uceira-Seoane do Carballiño, acolleron hoxe a presentación do balance do programa ‘Exportou’, a iniciativa estratéxica promovida dende a Deputación Provincial de Ourense para impulsar a internacionalización do tecido empresarial da provincia. No acto estiveron presentes o tenente de alcalde do Carballiño, José Castro-Gil, acompañado polo concelleiro de Turismo e Industria, Manuel Dacal; o presidente da Deputación Provincial, Luis Menor; a presidenta da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO), Marisol Nóvoa, e Daniel e Camilo González Atanes, representantes de Frigoríficos Arcos, empresa adicada, entre outras actividades, á exportación de pulpo cocido.
Castro-Gil salientou a importancia de ‘Exportou’, “xa que busca que o produto local de calidade poida ter saída cara outros países”. Pola súa banda, Marisol Nóvoa fixo referencia a que os pilares básicos deste programa son “a internacionalización, a sostibilidade e a dixitalización da difusión das empresas ao traverso dunha ferramenta virtual”. A nivel do balance de datos, a presidenta da CEO subliñou que “Exportou rexistrou dende os seus inicios máis de 300.000 usuarios rexistrados procedentes de 41 países, con máis de 700 visitas á plataforma dixital e 58 empresas no directorio internacional ‘Marca Ourense’ con 102 referentes en castelán, inglés e francés, 770 encontros comerciais internacionais con máis de 300 visitas e 458 xuntanzas con importadores e prescriptores”, entre outros.
Camilo González comentou que “a nosa empresa vende a unha vintena de países e o 20% da nosa facturación vén do mercado exterior, e por iso ‘Exportou’ axúdanos ás pequenas empresas a poder competir nun mundo globalizado”. Finalmente, Luis Menor reivindicou o “carácter industrial e emprendedor que ten a provincia de Ourense, porque somos quen de facer un grandísimo produto, quen de competir a nivel nacional pero tamén somos capaces de dar un paso adiante: exportar”.
Desde a súa posta en marcha no ano 2017, ‘Exportou’ consolidouse como unha iniciativa estratéxica clave para impulsar a internacionalización do tecido empresarial da provincia de Ourense. Ao longo destes anos, a súa evolución foi constante, adaptándose aos novos desafíos e oportunidades dos mercados globais.
Frigoríficos Arcos participou en ‘Exportou’ dende os seus inicios en 2017, aproveitando activamente este programa para a súa internacionalización a través de misións inversas, logrando clientes internacionais, e recibindo asesoramento especializado en comercio exterior.
En 2025, ‘Exportou’ transfórmase nun ecosistema intelixente e colaborativo, integrando a internacionalización, dixitalización e sustentabilidade como eixos fundamentais para reforzar a competitividade das empresas ourensás.