Ribeiro en Común demanda parques infantís cubertos para Ribadavia

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O grupo municipal de Ribeiro en Común leva ao Pleno de abril a petición de que o goberno local retome os proxectos presentados na anterior lexislatura, xa que é incomprensible que o Partido Popular en dous anos non retomara estas iniciativas, moi demandadas. Deste xeito, este grupo da oposición continúa a súa liña de traballo de reclamar proxectos elaborados na súa etapa de goberno, xa que considera que serían moi positivos para a veciñanza de Ribadavia.

Esta formación política considera que tanto a Xunta de Galicia como a Deputación Provincial teñen unha débeda pendente con Ribadavia, xa que na pasada lexislatura rexeitaron ata en tres ocasións o financiamento de proxectos de parques infantís cubertos presentados polo Concello. “Esta negativa é incomprensible, xa que negábanlle a Ribadavia o que lle daban a outros municipios con apenas nenos e nenas. Así, en Ribadavia negaron o seu finanzamento reiteradas veces, a pesar de ser capital comarcal, posuír a maioría de centros educativos, e a maioría de nenos e nenas da comarca”, apuntan dende Ribeiro en Común.

Este grupo municipal lembra que “a época de choivas é moi extensa, non só inverno, senón que en outono e primavera, como acabamos de vivir, impiden aos nosos nenos e nenas poder ir ao parque, cando é algo esencial no seu día a día”. Neste sentido, engaden que “hai moitos parques no noso municipio que poderían acoller a súa mellora con este tipo de parques cubertos, e sobre todo, é importante sinalar que no antigo colexio da Alameda, a escola infantil Galiña Azul non dispón de ningún tipo de parque”.