O Carballiño acolle mañá a ‘Xuntanza Galega de Espazo Común’

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O Aparthotel Arenteiro do Carballiño será sede, a partir das 10,00 horas de mañá, sábado 26 de abril, da ‘Xuntanza Galega de Espazo Común’. Dende esta formación política anuncian que “será un acto aberto a toda a cidadanía que desexe participar, e coa intervención de distintas forzas independentes convidadas, procedentes doutros puntos do país e co obxectivo de achar resposta ás grandes preguntas que atinguen a política galega dos derradeiros anos”.

O programa de actividades desta reunión contempla dúas mesas de debate “nas que se pretende debullar polo miúdo o punto de vista dos que temos unha visión doutra Galicia posible, máis alá dos partidos de sempre, e nun contexto no que a esquerda e a dereita se confunden con demasiada frecuencia para nunca dar solución real ás verdadeiras necesidades desta terra”.

Tamén haberá tempo nesta xuntanza para unha renovación nos órganos de dirección de Espazo Común, “coa incorporación de persoas de tódolos puntos da xeografía galega e de moita xente nova con gañas de participar, aportar e loitar por unha sociedade mellor”. Así, dende esta formación política subliñan que “esa é a grande meta deste movemento cidadán de acción política que, sen renunciar aos seus principios nin conviccións, cré con firmeza en que hai outro modelo, outro xeito de facer as cousas que evite que Galicia malviva nas posicións de cola da meirande parte dos indicadores sociais, económicos, demográficos, etc. de toda España”.

Dende Espazo Común apuntan que “queda pois aberta a invitación a tódalas persoas que desexen aportar o seu grán de area a un proxecto que segue sementando e medrando para loitar por unha Galicia mellor”. O acto será clausurado cunha intervención do fundador do partido, Manuel ‘Pachi’ Vázquez.