A ‘Lalín Bike Race’ transfórmase este ano na primeira volta por etapas en BTT con categoría UCI de Galicia, que se desenvolverá do 1 ao 4 de maio cun percorrido total de 200 quiilómetros divididos en catro etapas que pasarán por O Carballiño, Lalín, Melide e o corazón do Deza, abranguendo tres provincias galegas (Ourense, A Coruña e Pontevedra). Precisamente, a primeira das etapas da ‘Volta a Galicia BTT’ sairá da vila do Arenteiro, e, por elo, hoxe presentábase este evento no salón de actos da Casa do Concello do Carballiño, coa asistencia do alcalde en funcions e tamén edil de Deportes, José Castro-Gil, e Rubén Cerdeira e Manuel Val, presidentes, respectivamente, dos clubes ciclistas Os Mosqueteiros e Montes do Deza.
Castro-Gil salientou que “esta volta dará a coñecer a Galicia interior, xa que discurre por zonas do noso rural, e para nós e un orgullo que a saída se faga dende O Carballiño”. Una etapa que partirá ás 9,30 horas do vindeiro xoves, 1 de maio, dende a praza da Veracruz para pasar polo casco urbán e logo coller rumbo á zonas de Boborás como Coto Molín ou A Fenteira, completando unha ruta de 65,90 quilómetros e un desnivel positivo de 1.600 metros.
Pola súa banda, Manuel Val, lembrou que, dende o seu club, “sempre tivemos a idea dunha proba por etapas e iste era o momento da BTT galega de dar un gran salto e facerse internacional”. Ao respecto, anunciou que, ademais de ciclistas doutras comunidades como Asturias, Castela-León, Madrid ou Extremadura, tamén competirán corredores de Portugal, Francia, Suiza e Chile, entre outros países. O evento conta co patrocinio de Turismo de Galicia, Concellos de Boborás e O Carballiño e as deputacións de Ourense, Pontevedra e A Coruña.
A volta terá continuidade o venres, día 2, en Lalín, cunha etapa de 20 km. e 450 metros de desnivel positivo; o sábado 3 en Melide con 58 km. e 1.500 metros de desnivel, rematando o domingo, día 4, cunha contrarreloxo de 60 km. e 1.400 metros de desnivel, na mesma capital da comarca do Deza.