No ámbito da administración provincial a maior afectación foi nas comunicacións, aspecto no que se traballa durante a xornada de hoxe para o total restablecemento deste servizo
A Deputación púxose en todo momento a disposición da Xunta de Galicia para colaborar en todo o necesario, como o rescate de persoas atrapadas en ascensores, axuda a persoas con mobilidade reducida e a reposición de equipos de osíxeno en centros de maiores
Ourense, 29 de abril de 2025.
Logo do apagón acaecido onte a nivel nacional, a Deputación de Ourense púxose en todo momento a disposición da Xunta de Galicia para ofrecer os seus servizos no marco da activación do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga). “Puxémonos a disposición da autoridade única que coordinaba a resposta”, explicou o presidente provincial, Luis Menor, sinalando ao xefe de Emerxencias da Deputación, José Ramón Feijóo como a persoa responsable da coordinación coa Xunta por parte da institución provincial.
Os servizos de emerxencias da Deputación colaboraron no rescate de persoas atrapadas en ascensores, axuda a persoas maiores con mobilidade reducida ou a reposición de equipos de osíxeno en centros de maiores. “Puxémonos a disposición da autoridade única que coordinaba a resposta”, explicou o presidente provincial, Luis Menor.
Os bombeiros da Deputación tamén acudiron a Taboadela, onde se produxo un tráxico suceso por mor, presuntamente, de inhalación de monóxido de carbono, con tres persoas falecidas dunha mesma familia.
No que atinxe ao funcionamento interno e administrativo da institución provincial, o ámbito máis afectado foi o das comunicacións, algo no que durante a xornada de hoxe estiveron a traballar os traballadores da Deputación para o total restablecemento destes servizos cos servidores.
Respecto á propia actividade da Deputación, como o departamento de Vías e Obras ou o servizo de recollida de lixo, o grao de afectación foi moito menor por non ser estes tan dependentes da electricidade.