Mina Doade, o proxecto de minería subterránea de extracción de minerais de litio e feldespatos en Beariz (Ourense), declarado estratéxico pola Unión Europea, avanza no seu compromiso de transparencia facilitando a documentación técnica da solicitude de concesión de explotación. Recursos Minerais de Galicia, S.A., promotora de Mina Doade, presentou en xaneiro a solicitude de concesión de explotación ante a Consellería de Economía, Emprego e Industria. Esta administración é o órgano substantivo que está a avaliar o proxecto, lidera a tramitación con outras administracións e articulará todos os mecanismos regrados de audiencia e información pública.
Ademais, para avanzar no enfoque dunha comunicación aberta e transparente coa comunidade, adoptado de forma voluntaria, Recursos Minerais de Galicia ofreceu toda a documentación aos Grupos Parlamentarios, ás corporacións locais e á comunidade de montes de Doade (CMVMC Lama, Cega e Bisticobo). Agora, ábrea a todas as partes interesadas a través da web minadoade.gal (apartado de Transparencia). Neste apartado de Transparencia poderanse descargar o Resumo Non Técnico do Proxecto, así como o Resumo Non Técnico do Estudo de Impacto Ambiental, para facilitar o coñecemento xeral do proxecto. E a través dun formulario da propia páxina web, poderase solicitar información adicional que se facilitará a todas as persoas interesadas no expediente.
A documentación completa consta de máis de 8.700 páxinas (700 MB de información) agrupados nun centenar de documentos. Contén o Proxecto de Explotación, que describe como levará a cabo a actividade mineira; o Proxecto de Planta de Concentración, que describe as instalacións industriais de superficie e un plan integral de xestión das augas que inclúe unha planta de tratamento; o Plan de Restauración, que especifica, con garantías financeiras, como os terreos volverán ao seu uso orixinal de explotación forestal unha vez terminada a explotación; o Estudo de Impacto Ambiental (EIA), que compila os traballos realizados para identificar e avaliar os impactos ambientais do proxecto mineiro; un Estudo de Impacto Económico e Social, e o Informe de solvencia económica e técnica.
Mina Doade completou o trámite de solicitude de concesión de explotación ante a Consellería de Economía, Emprego e Industria o 17 de xaneiro de 2025. Desde ese momento, a solicitude de Recursos Minerais de Galicia, S.A. está a seguir os trámites administrativos segundo os prazos legais. En marzo de 2025, a Comisión Europea seleccionou a Mina Doade na listaxe de Proxectos Estratéxicos segundo o Regulamento de Materias Primas Críticas da Unión Europea. Desta maneira a UE subliñou que o proxecto é de interese público.
En canto a Xunta de Galicia inicie o trámite de información pública, en próximas datas, iniciarase un período no que a empresa quere constituír unha mesa de diálogo cos actores locais interesados no proxecto (comunidades de montes, asociacións veciñais, corporacións locais…). Desta maneira, continuarase co proxecto de información e participación cidadá iniciado co Estudo de Impacto Económico e Social presentado na tramitación do expediente.