A ‘Feira do Viño do Ribeiro’ converte a Ribadavia no mellor escaparate de calidade da Denominación de Orixe

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

https://www.facebook.com/share/v/18gnFcYtxc

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Ribadavia abríu as portas da ‘LXII Feira do Viño do Ribeiro’, un dos eventos enogastronómicos máis destacados de Galicia, cun acto inaugural cheo de tradición, emoción e compromiso co territorio. Un punto de encontro do que os adegueiros salientan é un excelente escaparate para a promoción dos seus produtos, en especial, dos viños elaborados nas campañas máis recentes, e que aportan ano tras ano un plus de calidade á Denominación de Orixe máis antiga de Galicia. E, tamén, un xeito de potenciar os recursos naturais e de desenvolvemento económico de cada un dos concellos que integran a comarca vitivinícola.

A xornada arrancou coa recepción institucional no Concello de Ribadavia, acompañada pola música da Banda A Lira de Ribadavia, que precedeu a un pasarrúas ata o Castelo dos Condes, onde actuou a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. Ao acto asistiron autoridades como o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; a conselleira do Medio Rural, María José Gómez Rodríguez; o conselleiro de Educación, Román Rodríguez; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; así como o alcalde de Ribadavia, César Fernández; membros da corporación local e alcaldes de concellos limítrofes pertencentes á comarca do Ribeiro, ademais de representantes no Parlamento de Galicia, no Congreso dos Deputados e no Senado.

O pregón oficial tivo lugar no recinto feiral da Alameda e correu a cargo de Alejandro Blanco, presidente do Comité Olímpico Español, quen protagonizou un discurso cargado de lembranzas e emoción. “A vendima é un dos mellores recordos da miña infancia: recoller as uvas, levalas no cesto que me regalaran os meus avós, e por suposto ese momento máxico que é o pisado das uvas”, sinalou. Blanco tamén destacou que, como galego que viviu fóra durante moitos anos, “os sabores de Galicia, como o viño do Ribeiro, son sempre un trago que sabe a morriña e á terra”. Ademais, fixo unha fermosa comparación: “o viño branco do Ribeiro ten o mesmo ton dourado que os solpores que se ven desde as terras do Ribeiro”.

A presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe do Ribeiro, Concha Iglesias, lembrou tamén que “a do Ribeiro é das feiras do viño máis antigas; pero que vai incorporando novas actividades e eventos”, destacando a capacidade de adaptación desta celebración que segue medrando edición tras edición. Precisamente na importancia das DO fixo fincapé a Conselleira do Medio Rural, María José Gómez Rodríguez, lembrando que “en 1932 púxose o xermolo que fixo medrar as Denominacións de Orixe, que hoxe son sinónimo de calidade e de Galicia”.

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, salientou que “a tradición do viño do Ribeiro sabe adaptarse ao futuro. Sabemos de onde vimos, sabemos onde estamos e sabemos a onde queremos ir; adaptándonos constantemente a este mundo cambiante”. O alcalde de Ribadavia, César Fernández, puxo en valor a importancia deste evento: “a Feira do Viño do Ribeiro é un evento que promociona e pon en valor o produto estrela da nosa terra, o noso viño do Ribeiro. Un produto grazas ao cal somos o que somos, que significa historia, tradición e innovación. Unha historia unida á de Ribadavia e ao seu patrimonio cultural e histórico, que non podería entenderse sen o papel que xogou o viño no seu desenvolvemento”.

Durante a xornada inaugural, tamén se celebraron actividades como a Cata Comentada das Adegas, co sumiller Deisy Barrios Otarola e maridaxe con produtos de Galicia Calidade; así como un obradoiro de cociña a cargo do chef Gabriel Quispe Peña, gañador do certame ‘Talentos by Abril’.

A Feira do Viño prolongarase ata o domingo, con múltiples actividades para exaltar a cultura vitivinícola do Ribeiro na súa capital, Ribadavia, que agarda a milleiros de visitantes para desfrutar dos seus valorados caldos.