Cando se cumpren 40 do pasamento de Manuel Chamoso Lamas, e coincidindo coa 40ª edición do ‘Premio Antón Losada Diéguez’, o Concello do Carballiño, institución a quen lle corresponde este ano a organización do evento, ven de designar a Carlos Rodríguez Calvo, presidente do Centro de Estudios que leva o nome do arqueólogo de Moldes, como mantedor do acto de entrega dos galardóns o vindeiro 14 de xuño.
Carlos Rodríguez Calvo desenvolveu o seu labor profesional en medios de comunicación (prensa, radio e televisión) de ámbito estatal, autonómico e local, así como na administración pública autonómica e local, e preside o Centro de Estudios Chamoso Lamas dende hai tres anos. Como escritor, foi finalista do Premio de Novela Fernando Lara no ano 2017 e publicou no 2022 a novela “El hombre blanco del río Nieva”, baseada na aventura do ribeirán de Amiudal (Avión), Alfonso Graña, na Amazonía peruana a comezos do século XX.
Nesta edición do Premio Antón Losada Diéguez, os galardoados son, na modalidade de creación literaria, o escritor Manuel Rivas pola novela “Tras do ceo”, e na modalidade de investigación e ensaio, o profesor de literatura Alberto Pombo pola obra “Verso e acorde. Relacións entre a literatura galega e a música pop (1950-2000)”. No caso de Manuel Rivas dase a circunstancia de que será a segunda vez que recolla este premio, pois xa o recibira no ano 2007 pola novela “Os libros arden mal”. Hai que salientar ademais que a novela gañadora desta corenta edición do Premio Antón Losada na versión en castelán “Detrás del cielo” obtivo o Premio Nacional das Letras Españolas 2024.
O acto de entrega dos premios terá lugar, como é tradicional, no pazo da familia Losada en Moldes o sábado 14 de xuño ás 12 do mediodía. Previamente, ás 11,00 horas, terá lugar a celebración eucarística e ofrenda floral na igrexa románica de San Mamede de Moldes, declarada Monumento de Interese Artístico Nacional dende o ano 1947, precisamente por intersección de Manuel Chamoso Lamas, en cuxo interior repousan os restos de Antón Losada Diéguez e, nun panteón do exterior, os de Manuel Chamoso Lamas.
Os premios, que contan co patrocinio dos concellos do Carballiño e Boborás, encargándose alternativamente da súa organización, así como da Deputación Provincial de Ourense, consisten nunha peza escultórica do artista ourensán Aciclo Manzano e teñen unha dotación económica de 6.000 euros en cada modalidade.