O alcalde de Ribadavia e presidente da Rede de Xudarías de España, César Fernández Gil, ven de participar en Madrid na IV Xornada de Bens Culturais Premiados por Hispania Nostra, un evento organizado por Hispania Nostra e celebrado na Real Academia de Belas Artes de San Fernando. Durante o acto, púxose en valor o proxecto de unificación da sinalización das xudarías que integran os Camiños de Sefarad, distinguido co Premio Hispania Nostra 2022, na categoría de sinalización e difusión do patrimonio cultural e natural.
Na súa intervención, Fernández Gil destacou que este recoñecemento “avalía unha estratexia integral que aposta por facer accesible, comprensible e visible un legado cultural de enorme riqueza que forma parte da nosa identidade compartida”. Na súa dobre condición de alcalde e presidente da Rede, puxo en valor o traballo das cidades asociadas e o compromiso institucional coa memoria histórica: “Desde a Rede de Xudarías traballamos para dignificar o patrimonio sefardí desde o rigor, a colaboración e o respecto. Este premio pertence tamén a todas as vilas e cidades que, como Ribadavia, levan anos recuperando este legado e proxectándoo cara ao futuro”.
O proxecto recoñecido, “Deseño, desenvolvemento e execución da unificación da sinalización específica das xudarías”, foi coordinado por equipos multidisciplinares e inclúe unha nova identidade gráfica común, paneis informativos con contidos rigorosos e materiais de longa duración, pensados para integrarse nos cascos históricos. O presidente da Rede agradeceu tamén a Hispania Nostra “este recoñecemento que nos impulsa a seguir avanzando” e salientou o apoio recibido por parte do Ministerio de Cultura e Deporte, das comunidades autónomas e dos concellos implicados.
Durante a súa estancia en Madrid, César Fernández mantivo tamén un encontro coa presidenta da Fundación Hispania Nostra, Araceli Pereda, no que abordaron vías de colaboración entre ambas entidades. Hispania Nostra, asociación sen ánimo de lucro declarada de utilidade pública, leva desde 1976 traballando na defensa, promoción e posta en valor do patrimonio cultural e natural, entendido como motor de desenvolvemento social e económico.
A reunión serviu para estreitar lazos e abrir portas a futuras accións conxuntas entre a Fundación e a Rede de Xudarías, así como co propio Concello de Ribadavia, compartindo obxectivos comúns na protección e difusión do legado patrimonial. A xornada contou coa participación de autoridades institucionais, representantes culturais e académicos, así como membros das entidades premiadas nas edicións recentes dos Premios Hispania Nostra.
A Rede de Xudarías celebra 30 anos e mira a Ribadavia
Este 2025, a Rede de Xudarías de España celebra o seu 30 aniversario, un fito que coincidirá cun feito de especial relevancia para Ribadavia: a vila acollerá no mes de xuño a Asemblea Anual da Rede de Xudarías, nun encontro que reunirá representantes das cidades membro de todo o Estado. Esta elección responde ao actual liderado de César Fernández como presidente da entidade, e reforza o papel de Ribadavia como referente na recuperación e posta en valor do legado sefardí.