A programación cultural do Concello do Carballiño para o presente mes de maio contempla para hoxe, sábado, día 10, un espectáculo teatral no Auditorio Manuel María, que chega á nosa vila da man do convenio con ‘reaOU-Rede Provincial de Auditorios’. Trátase da comedia reivindicativa “Escándalo’s”, unha montaxe para tódolos públicos da asociación cultural ESTETA (Escola de Teatro de Taboadela), que ofrecerán ás 20,00 horas e con entrada totalmente de balde.
O argumento cóntanos que, despois do funeral da súa nai Escarlata, tódolos traballadores do Escándalo´s Club, un cabaret atípico, deberán facer fronte a unha gran débeda se queren salvar o negocio. Sen embargo, Valentino intentará por todos os medios separalos para facerse co local onde o seu xefe quere montar unha nova macro discoteca.
Así, a través de números de maxia, clown, actuacións musicais e drag Queens, entraremos no Escándalo´s, un lugar que reivindica a liberdade sexual, os corpos non normativos e que rompe con todos os estereotipos da sociedade enviando unha clara mensaxe ao público: “A miña vida é a que eu elixo, a que eu decido para min”. Unha verdadeira historia que nos educa sobre a diversidade.
No amplo reparto desta obra estarán en escea Elena Varela, Marisol Ferrero, Noelia Pereira, Xoel Álvarez, Brais Vázquez, Beatriz Conde, David Vázquez, Judit Estéves, Xabier Rey, Marta Rodríguez, Valentín Varela, Álvaro Vila e Marisa Sueiro.