Manolo Ferro “Cartelle leva anos sufrindo unha perda constante de poboación, especialmente da mocidade, que se ve obrigada a emigrar pola falta de futuro aquí. Isto tradúcese nunha proliferación de casas baleiras, moitas delas en ruínas, que ameazan a seguridade da veciñanza e dan unha imaxe de abandono que frea calquera intento de recuperación”
Cartelle, 12 de maio de 2025. O BNG de Cartelle, a través do seu portavoz municipal, Manolo Ferro, vén de presentar unha moción dirixida ao pleno da corporación na que reclama medidas urxentes para abordar o grave problema que supoñen as vivendas abandonadas e en estado ruinoso no concello. A iniciativa chega como resposta a unha realidade que se vén agravando nas últimas décadas: o despoboamento progresivo, o envellecemento da poboación e a falta de oportunidades, que derivan nunha paisaxe rural marcada polo abandono e o deterioro.
A proposta nacionalista solicita ao goberno municipal a elaboración dunha ordenanza municipal específica que regule a situación das vivendas en estado de ruína ou con risco evidente de derrube. A intención é establecer un marco legal que permita actuar sobre estas edificacións, garantindo así tanto a seguridade das persoas como a protección do patrimonio urbanístico.
O BNG demanda que esta ordenanza inclúa a obriga para os propietarios de acometer medidas de conservación ou, no seu defecto, accións de seguridade como a sinalización ou o balizamento das zonas afectadas, sempre baixo valoración técnica. Ademais, propóñese a creación dun rexistro municipal de inmobles abandonados ou en ruínas, como ferramenta para planificar actuacións urbanísticas e tomar decisións administrativas e legais.
“Non podemos permitir que a falta de actuación institucional converta os nosos núcleos rurais en espazos perigosos e desolados. É responsabilidade do concello establecer mecanismos claros e así protexamos tanto ás persoas como ao noso patrimonio colectivo”, sinalou Ferro.
A moción tamén contempla o lanzamento de campañas informativas para que a veciñanza coñeza os seus dereitos e deberes respecto das vivendas en mal estado, así como as posibilidades de rehabilitación do patrimonio edificado, fomentando así unha cultura de coidado e recuperación do entorno construído.
Por outra banda, o BNG insta á Xunta de Galiza a colaborar activamente con liñas de axuda específicas destinadas á rehabilitación de vivendas en zonas rurais e á mellora da seguridade estrutural dos inmobles abandonados. A formación nacionalista considera esencial a implicación do Goberno galego nesta tarefa, que require recursos e coordinación entre administracións.”Reverter esta situación require vontade política e planificación. O BNG de Cartelle ofrece propostas concretas para construír un modelo de desenvolvemento sostible, humano e comprometido co futuro dos nosos núcleos rurais”, concluíu Manolo Ferro