O Centro Cultural Marcos Valcárcel inaugura unha exposición homenaxe a Ananín, o poeta de Tibiás que “nunca esqueceu as súas raíces”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Máis de medio cento de artistas plásticos referentes en Galicia amosan a súa particular visión do legado deste ourensán

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O presidente provincial puxo en valor ao poeta como “verdadeiro referente cultural da provincia” e destacou a exposición como “máis que unha alternativa de ocio, unha alternativa cultural que deixa pegada no visitante”

Entre os traballos, figura unha instalación novidosa de neurotecnoloxía, inspirada no poema “Padre Roble”

A mostra estará dispoñible ata o próximo 13 de xullo

Ourense, 16 de maio de 2025.

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu hoxe a inauguración da exposición colectiva “Tributo ao legado do poeta Eduardo González Ananín”. Un total de 60 artistas, referentes na plástica en Galicia, fan a súa particular homenaxe ao poeta de Tibiás (Pereiro de Aguiar), ao que o presidente provincial, Luis Menor, tildou durante a presentación de “verdadeiro referente cultural da provincia que nunca esqueceu as súas raíces, un dos bos e xenerosos “.

Luis Menor reivindicou o fomento da cultura como “eixo estratéxico” da Deputación de Ourense, a través de exposicións coma esta que “van máis alá dunha alternativa de ocio, xa que deixan pegada no visitante”.

Pintores e escultores como Paco Leiro, Menchu Lamas, Quintana Martelo, Pamen Pereira son algúns dos nomes que ofrecen a súa visión artística nesta exposición multidisciplinar, posible grazas á colaboración coa Fundación Artiaga, que xuntou a máis de medio cento de artistas da plástica galega para esta homenaxe.

Eduardo González Ananín nace en Tibiás (Pereiro de Aguiar) en 1926. Na súa infancia na escola unitaria de Tibiás recibe a influencia do seu profesor, Manuel Luis Acuña, ao que admiraría sempre.

Emigra a Arxentina en 1951, onde desenvolvería toda a súa vida profesional. Ao longo da súa vida, non deixa de sentir o desarraigo, que permanecerá vivo cando regresa a España.

A súa casa en Arxentina converteuse nun punto de encontro permanente para a colectividade galega, que atopou en Ananín e na súa familia un refuxio e unha conexión coas súas orixes. Luis Seoane, Alberto Vilanova, Laxeiro ou Alberti son personalidades que encontraron acollida co poeta de Tibiás.

Entre os traballos, figura unha instalación con un proxecto novidoso de neurotecnoloxía e multisensorial, inspirado en “Padre Roble”, un dos poemas emblemáticos de Ananín. Os visitantes poden utilizar unhas diademas que transmiten as súas sensacións neurolóxicas a unha pantalla.

A exposición poderá visitarse ata o próximo 13 de xullo.