A ‘Feira Revive’ apostou esta fin de semana en Ribadavia pola concienciación sobre a reciclaxe e o consumo responsable

https://www.facebook.com/share/v/191zMWAABj

Ribadavia preparou unha intensa axenda de actividades con motivo do Día das Letras Galegas, que se conmemorou este pasado sábado, 17 de maio, e que este ano rendeu homenaxe ás cantareiras e á poesía popular oral, ademais de organizar a 4ª edición da ‘Feira Revive’. Unha das iniciativas destacadas foi o desconto do 20% en libros en galego nas librarías Goyma, Mafranch e Follas Novas de Ribadavia, unha rebaixa que foi asumida polo propio Concello co obxectivo de incentivar tanto a lectura en galego como o comercio local.

A homenaxe ás cantareiras tivo especial protagonismo o sábado cun obradoiro intensivo de pandeireta, que se celebrou no antigo colexio da Alameda en horario de 10,00 a 14,00 horas, e de 16,00 a 20,00 horas. A actividade era gratuíta, aberta a todas as idades e niveis e con prazas limitadas. A programación do Día das Letras Galegas coincidíu coa celebración da primeira xornada da cuarta edición da ‘Feira Revive do Ribeiro’, un evento de suprarreciclaxe e consumo consciente, e que tivo lugar na Igrexa da Madalena.

Unha feira que “naceu para concienciar á poboación de que temos que ter un consumo máis sostible”, según nos comentaba Yolanda Gómez, concelleira de Cultura de Ribadavia. Por iso, o obxectivo deste evento, é “revivir” aqueles materiais de desfeito que aínda se poden aproveitar e apostar pola súa reciclaxe, asegurábanos a súa directora, Carolina Atuesta.

A feira incorporou tamén actividades vencelladas á conmemoración das Letras Galegas. Así, o sábado 17, ás 12,30 horas, o evento comercial estivo animada pola actuación das Pandereteiras da Istoria; ás 17,00 horas, houbo un obradoiro de construción dun pandeiro vegano impartido por Troula; e ás 19,30 horas, o DJ Chemigal ofreceu unha sesión con música exclusivamente de artistas galegos.

A estas propostas sumouse a exposición “Canta que cadramos ben”, que se pode visitar na Biblioteca Municipal de Ribadavia durante estes días. Trátase dunha mostra e unha unidade didáctica promovida pola Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, co fin de achegar á cidadanía o legado das cantareiras e da literatura popular oral.

Esta exposición, elaborada polo IES Castelao, de Vigo; foi premiada no Concurso das Letras Galegas 2025 na categoría de secundaria, bacharelato, FP e ensinanzas de réxime especial. Un proxecto que pon en valor o patrimonio inmaterial que representa a tradición oral galega, conservada e transmitida por tantas mulleres desde o anonimato.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------