Este é un ano moi especial para o mundo risquiano. Á conmemoración do centenario da denominada “Xeración NÓS”, con motivo da publicación do primeiro número da revista homónima, que cumprirá un século o vindeiro 30 de outubro e da que foi director literario Vicente Risco, súmase o 25 aniversario0 da FVR, impulsada polo seu fillo, Antón Risco e que contou á súa fronte, xa sexa na presidencia ou na presidencia de honra, con Francisco Fernández del Riego, María Jesús Martínez-Risco Fernández até o noso actual presidente Luís Martínez-Risco Daviña, sen esquecer a figura inmensa de Arturo Lezcano “Ruco” quen foi alma e motor da Fundación desde a súa creación até o seu prematuro e desgrazado falecemento hai pouco máis dun ano.
A FVR tiña previstos unha serie de actos, que se viron truncados polo estado de alarma derivado da pandemia da COVID-19, pero non quere deixar de conmemorar –sequera de forma sinxela e simbólica- os seus primeiros 25 anos de vida.
Para isto presenta o logotipo que se adxunta e que acompañará todos os actos da fundación durante este ano e tamén unha serie de vídeos conmemorativos, ao primeiro dos cales se pode acceder picando na seguinte ligazón.
Este primeiro vídeo está dedicado ao apoio á cultura, que fai parte dos obxectivos e da acción da FVR, cuxo labor é tan necesario para unha sociedade libre e plenamente desenvolvida e que, neste momento, atravesa unha situación difícil. Ademais reivindicamos a colaboración como mellor forma de vida, e, polo tanto, tamén, como o mellor modo de promocionar a cultura.
Nestes 25 anos levamos colaborado con infinidade de institucións públicas e privadas de Galiza e de fóra, nomeadamente de Portugal, desde os concellos de Allariz, Castro Caldelas e Ourense, a Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia, Universidade de Santiago de Compostela, Universidade d’A Coruña e Universidade de Vigo, que fan parte do noso padroado, até numerosas persoas e institucións, grandes e pequenas, coas que temos realizado parcerías diversas, con excelentes resultados e coas que seguiremos traballando.
Aproveitamos para agradecer a todas as empresas e particulares que, co seu mecenado ou coa súa participación nas nosas propostas, contribúen a que se podan levar a cabo todas as nosas actividades e que, deste modo, dan o seu apoio á nosa cultura.
Grazas, moi especialmente, aos medios de comunicación por difundir, participar e colaborar co éxito dos nosos obxectivos. Por iso aproveitamos para agradecer o necesario labor que realizades todos os medios de comunicación e emprazámosvos para continuar con esta tarefa, comezando pola difusión desta información. Seguimos aquí e seguiremos para todo o que precisedes.