A Fundación Insua dos Poetas celebrou hoxe o Día Mundial da Poesía e da Árbore con 300 escolares do IES Nº1, IES Chamoso Lamas, Vila do Arenteiro, Sagrado Corazón, Calvo Sotelo, San Amaro e O Irixo.
O alumnado recitou poemas de Rosalía de Castro, Valentín Lamas Carvajal, Curros Enríquez e Eduardo Pondal, figuras centrais da poesía galega que quedaron inmortalizadas en catro novos murais expostos na Galería da Literatura Galega.
Os alumnos recibiron libros de agasallo e tamén desfrutaron de pezas musicais, entre elas unha interpretación do Himno de Galicia e os escolares plantarán diversas árbores autóctonas.
O Día Mundial da Poesía é unha iniciativa da Unesco, impulsada en 1999, que se comezou a celebrar en todo o mundo a partir do 2000. Dende 2012, a Fundación Insua dos Poetas celebra na Insua dos Poetas cada 21 de marzo esta data, sempre co protagonismo do alumnado da comarca.