O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, reuniuse esta semana co alcalde do Carballiño, Francisco José Fumega, e o concelleiro de Turismo deste municipio, Manuel Dacal, para concretar vías de colaboración que contribúan a difundir fóra de Galicia a Festa do Pulpo deste municipio e a impulsar o seu potencial como motor socioeconómico para a contorna, así como accións para poñer en valor a contribución das persoas galegas emigrantes ao desenvolvemento desta vila.
En relación coa dinamización da actividade económica e coa vertebración do territorio, na xuntanza destacouse o labor do Polo de emprendemento do Carballiño, que leva atendidos máis de 240 proxectos e máis de 620 titorías realizadas. Os proxectos abranguen diferentes sectores, entre os que predominan os servizos (20%), a hostalaría (16%), e o comercio (14%). Das persoas atendidas neste polo preto do 60% son mulleres e nel lévanse realizado máis de 90 actividades entre reunións con entidades do territorio, accións de formación e eventos da rede.