O Carballiño acolle esta mesma semana dúas actividades que xa forman parte da programación anual da Agrupación Cultural Avantar e que polo seu carácter aberto poden ser desfrutadas por toda a veciñanza e persoas que visiten a nosa vila. Trátase do ‘Roteiro de Manuel María’, que será mañá, e a tradicional ‘Fo-Liada’, o vindeiro sábado, 24 de maio.
A presentación destas actividades tivo lugar hoxe na Casa do Concello, coa presenza do concelleiro de Cultura, Diego Fernández, que estivo acompañado por Nani Blanco e Darío Rodríguez, integrantes do colectivo cultural carballiñés, que o ano pasado cumplíu medio século dende a súa fundación. Diego Fernández agradeceu a implicación de Avantar no desenvolvemento deste programa cultural e asegurou que “dende o Concello estamos a traballar para que os colectivos sexan vivos no Carballiño”.
Pola súa banda, Darío Rodríguez informou que a saída do roteiro terá lugar mañá, mércores, ás 11,00 horas, dende a praza da Veracruz, coa participación de 150 estudantes de educación primaria dos centros de ensino da vila. O roteiro percorrerá os fitos nos que se recollen os poemas que Manuel María escribeu no seu “Cantigueiro de Orcellón”: prazas da Veracruz, Maior, Emilia Pardo Bazán e As Galiñas; Fonte do Concello, Torre do Reloxo e Fonte de Flores.
Pandereteiras, gaiteiros, percusionistas e danzantes integrarán o amplo grupo que tomará parte na “Fo-Liada 2025”, “que virán de todo o país, xa que temos confirmada a asistencia de músicos do Barbanza, Chantada, Monforte de Lemos ou Ponte Caldelas, entre outros lugares, ademais dos artistas locais”, avanzou Darío Rodríguez.
Unha troulada que partirá o sábado, día 24, ás 20,30 horas, dende O Pendello, para continuar por A Comarca, Bar Paco, O Casino e Vai-Vén para rematar na Bodega de Flores. Pero antes, ao fío das 18,30 horas, a musicóloga Icía Varela impartirá na tenda Ozoco un obradoiro de pandereita, que será totalmente gratuíto previa inscripción, conmemorando así a adicación do 17 de Maio ás pandereteiras e ao canto tradicional.