O grupo municipal socialista do concello de Ourense votou en contra da suba da factura do servizo da auga e lembrou que non ten en conta o perxuízo que supón para un amplo número de familias

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Tampouco apoiaron as e os edís do grupo do PSdeG o levantamento do reparo de intervención relativo á aprobación do expediente de contratación do alumeamento de Nadal que se debateu no pleno extraordinario desta mañá

“Igual aos que estamos sentados neste salón non nos afecta excesivamente a suba da tarifa da auga nos nosos recibos porque temos un soldo estable. Pero hai moita xente á que si e para a que 4 euros supón un gran esforzo”, destacou a socialista María Fernández Ojea

Ourense, 19 de maio de 2025. O grupo municipal socialista votou en contra da resolución de emendas e a aprobación inicial da ordenanza reguladora das tarifas dos servizos de auga potable, sumidoiros e depuración de augas residuais do Concello de Ourense por considerar que o documento “ten un carácter estritamente técnico” que non ten en conta as diferentes sensibilidades e situacións económicas da cidadanía e ao supoñer un incremento do 40% no prezo para a meirande parte das persoas.

“Temos que subir ou actualizar as tarifas da auga porque hai unha normativa europea, trasposta á normativa estatal e autonómica, que di que os ingresos do servizo da auga deben ser proporcionais ao que custa o mesmo. É certo, pero iso non quita que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, vai a case duplicar a tarifa da auga á veciñanza”, explicou na sesión a edil do PSdeG María Fernández.

Neste senso, subliñou que o custe do servizo –segundo a documentación levada ao pleno extraordinario desta mañá para o seu debate– é de case 10 millóns de euros e o total ingresado pola Administración local para cubrilo –segundo os datos da execución orzamentaria do último trimestre de 2024– de aproximadamente 6 millóns de euros, polo que non é certo que estea a ser deficitario. “O Concello de Ourense está pagando polo servizo preto de 3,7 millóns, máis 1,2 millóns de euros de gasto de persoal. Ata que non licitemos o contrato estamos ingresando de máis”, afirmou sobre o caos e desorde económico no que ten sumida á cidade o executivo de DO.

“Igual aos que ocupamos as cadeiras deste salón de plenos non nos afecta excesivamente a suba da tarifa da auga nos nosos recibos porque temos un soldo estable. Pero hai moita xente á que si e para a que 4 euros supón un gran esforzo”, destacou a socialista ante o que considera unha ausencia de política clara por parte do goberno local para atender ás persoas que máis o precisan.

“Cal é a política en materia de recursos hídricos de Democracia Orensana?”, preguntou continuando coa súa argumentación que incidía no excesivo carácter técnico da ordenanza e a ausencia de “empatía” coas persoas que poden atopar problemas para facer fronte a esta suba na factura. “Que vostedes soamente se lembren, despois de redactar unha ordenanza de tarifas, dunha exención que afecta a únicamente 9 persoas é grave”, insitiu.

Sobre as luces de Nadal

As e os socialistas tampouco apoiaron que se levantase o reparo de Intervención relativo á aprobación do expediente de contratación da instalación, en réxime de alugueiro, de elementos decorativos do alumeamento de Nadal. A edil encargada de defender o posicionamento foi tamén María Fernández que ironizou con que “nin Abel Caballero está tan preocupado por este asunto” no mes de maio.

“Por que non agardan a ter o orzamento aprobado para contratar as luces? Porque xa se debería incluír unha partida nese documento para elo e en dous meses daría tempo de sobra para contratalo”, advertíu sobre a premura coa que se leva ao salón de plenos este asunto en contraposición a outros de maior importancia para a meirande parte da cidadanía.

“Agradézolle ao PP que se vaia a abster nesta sesión porque o ano pasado tivemos que vir ata en 3 ocasións polas luces, pero non está xustificado realizar este contrato deste modo. E gustaríame engadir algo máis: o alumeamento de Nadal do ano pasado, ao noso xuízo e ao de moita xente, non estivo á altura das expectativas que xeraron dende o goberno municipal”, espetou a edil reclamando que se cumpra o prego.