O Bloque Nacionalista Galego (BNG) do Carballiño, ante as informacións sobre a máis que posible adxudicación do ciclo integral da auga á UTE Copasa-Geseco-Espina, vén de rexistrar no Concello unha solicitude de información ao grupo municipal de goberno para aclarar varios aspectos do proceso de contratación.
Os nacionalistas xustifican esta demanda co obxectivo de velar “pola transparencia na xestión dos servizos públicos, que entendemos fundamentais pra unha vida digna, o servizo da auga é un deles, e para que a veciñanza do Carballiño non teña dúbidas e fique coa seguridade de que
sempre primarán os intereses do noso concello sobre os beneficios das empresas
que pretendan traballar no e para O Carballiño”.
Concretamente, dende o BNG solicitan “información sobre os criterios de valoración de cada un dos sobres do concurso de adxudicación da xestión do ciclo integral da
auga no Concello do Carballiño”. Tamén piden “coñecer os informes técnicos de valoración, especialmente os referentes aos criterios subxectivos de puntuación analizados por puntos”, e, finalmente, “coñecer os informes técnicos e/ou xurídicos que motivaron a elección na
adxudicación do concurso”.
Lembran que este concurso xa naceu con polémica, debido ás “acusacións cruzadas entre políticos por supostas mordidas en anteriores concursos e relacións de amizade con determinadas empresas licitadoras”. Asemade, dende o BNG citan o “veto á presenza de políticos na mesa de contratación por parte do PP e finalmente aceptado polo PSOE, formando parte dela ao final técnicos do Concello e outros designados pola Deputación de Ourense”. Ademais, subliñan a “renuncia dun técnico da Deputación ourensá despois da denuncia dunha
posíbel incompatibilidade” e a “posible perda de 1,5 millóns de euros dunha subvención do PERTE por duplicidade nos pregos do concurso”.