Marcha este domingo contra a instalación de eólicos no Coto Novelle

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO
  • As plataformas de Ourense alertan sobre un macropolígono próximos a núcleos habitados e con impactos nas concas do Arnoia e do Limia.

Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova chama á participación na I MARCHA EN DEFENSA DO COTO NOVELLE que se celebrará este domingo día 1 en Cartelle -punto de encontro na feira ás 9.30 horas para subir en coches até Calvelos onde se iniciará a andaina-.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A marcha, duns 10 quilómetros, presenta unha dificultade media-baixa, mais aconséllase levar roupa axeitada para a calor e calzado deportivo, así como auga e froita. Ao remate, ao redor das 13.30 horas haberá un xantar-xuntanza no centro social (levade a comida) no que os colectivos ourensáns contra a invasión eólica analizarán próximas accións.

A marcha ten como obxectivo alertar á veciñanza das comarcas da Terra de Celanova e do Ribeiro sobre os impactos na saúde, nas augas, na fauna e na flora e na paisaxe e no patrimonio cultural da instalación dun macropolígono eólico no Coto Novelle, con afeccións aos concellos de Cartelle e Castrelo do Miño, con aeroxeradores de 220 metros de altura, e dunha planta fotovoltaica con 16.000 módulos, asociada á infraestrutura eólica, na zona da Bouza, que poría en risco a continuidade de varias explotacións gandeiras que dan sustento a varias familias.

O proxecto de polígono híbrido é unha iniciativa dunha compañía de capital madrileño e aragonés, Aratel, que pretende fragmentar a tramitación ambiental diante da Administración galega, separando o procedemento de avaliación dos eólicos e da planta fotovoltaica, cuxa potencia conxunta esixe unha tramitación a través da Administración estatal. Esta circunstancia xa foi denunciada nas case 2.000 alegacións que se rexistraron desde a plataforma contra o plan de Aratel entre decembro e febreiro.

A I MARCHA EN DEFENSA DO COTO NOVELLE porá de manifesto os valores ambientais, paisaxísticos e culturais dun monte que forma parte do sistema hídrico dos ríos Arnoia e Miño, e tamén porá en evidencia o abuso dos planificadores e operadores eléctricos, públicos e privados, que teñen convertido Cartelle e a subestación de Castrelo nun denso nó de infraestruturas de transporte eléctrico, con riscos potenciais para a saúde humana e animal e un efecto de expulsión de habitantes. Impactos que se incrementarían de maneira notábel co plan de Aratel de levantar novos tendidos: 5 quilómetros entre a planta fotovoltaica e a subestación do polígono eólico, e tres máis entre este e a subestación de Castrelo. Ademais, esta mesma semana coñeceuse que Castrelo sería o punto de evacuación de cinco macroparques -máis de 70 aeroxeradores- nos lindes do norte de provincia con Pontevedra e con Lugo, que se acaban de presentar a trámite para explotar unha potencia de 290.99 MW.