As axudas do Fondo de Cooperación Local permiten a mellora integral do polideportivo municipal de Cortegada

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe Cortegada para coñecer as melloras previstas no pavillón polideportivo municipal co apoio da Xunta a través das axudas do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local (FCL). Trátase dunha liña dotada con 8,5 millóns de euros e destinada a investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico, que no caso de Ourense van supoñer achegas de máis de 1,5 millóns de euros para tres proxectos, entre os que figura o deste municipio denominado Cortegada deportiva e accesible.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Concretamente nesta actuación, o goberno galego achegará máis de 255.000 euros para a mellora das gradas, da pista, dos aseos, dos vestiarios, das oficinas e da envolvente térmica. Tamén se dotará o espazo de aparcadoiro e de alumeado no exterior, así como dunha área axardinada para favorecer a integración paisaxística. A maiores, mellorarase a accesibilidade e a eficiencia cunha instalación fotovoltaica. O orzamento global do proxecto ascende a 600.000 euros. De feito, o orzamento mínimo dos proxectos beneficiarios nestas subvencións é de 500.000 euros e o financiamento da Xunta pode chegar ata o 50% do importe total, co límite de 700.000 euros por cada proxecto estratéxico.

Segundo sinalou a directora xeral, no caso de Cortegada, o carácter estratéxico da iniciativa maniféstase na súa contribución a distintos niveis, abarcando o deporte, o turismo e a mellora ambiental. Transcende ademais o eido local, xa que busca atraer participantes doutros territorios. “Trátase así de amplificar o seu impacto social e de contribuír o desenvolvemento económico da zona, asegurando a sostibilidade a longo prazo”, engadiu.