O BNG de Barbadás reclama a construción dun Local Social que inclúa Centro de Día para as persoas maiores do municipio

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Desde a formación nacionalista instarán ao Goberno Local de Barbadás á reserva dos terreos que lle corresponden na AR-4 e que prevense ceder ao Ministerio do Interior, co obxectivo de poder iniciar os trámites precisos para que poida construíse nos mesmos, un Local Social para as persoas maiores que inclúa un Centro de Día de xestión Pública e directa

Barbadás, 01 de xuño de 2025. O Pleno do Concello de Barbadás deste luns, 2 de xuño de 2025, debaterá sobre “unha das necesidades urxentes do Concello en materia de infraestrutura social, como é a dotación dun local social para as persoas maiores, que inclúa un Centro de Día de xestión pública e directa”. O Portavoz do BNG na Corporación municipal Sarín Núñez defende que “este tipo de equipamento resulta esencial para garantir unha atención digna á nosa poboación maior, promovendo o seu benestar, autonomía e integración na vida comunitaria”. 

COMERCIAL ORCELLÓN

A proposta, segundo sinalan desde o BNG, adquire aínda máis relevancia á vista da intención do actual equipo de goberno de ceder ao Ministerio do Interior, terreos de titularidade municipal na zona AR-4 para a construción dunha nova Casa Cuartel da Garda Civil. Para Núñez, “esta decisión supón privar ao municipio duns terreos estratéxicos que poderían destinarse a fins sociais e de interese xeral”.

No BNG consideran que ante esta situación, “cómpre priorizar os intereses da veciñanza, promovendo o desenvolvemento de infraestruturas públicas que respondan ás demandas reais da cidadanía”, e engaden, “existen diversas necesidades urxentes como a creación dunha segunda escola infantil, a construción dun novo auditorio, dado que o da actual Casa da Cultura resulta insuficiente, unhas instalacións dignas para a Escola de Música ou para a promoción de vivenda pública”. 

“O que propomos desde o BNG é a construción dun local social con Centro de Día Público. Existen exemplos inspiradores como o do Concello de Allariz, cun Centro de Día situado no casco histórico, dotado de servizos complementarios como o comedor sobre rodas e rodeado de zonas verdes e sombras, que o converten nunha infraestrutura de referencia”. 

E é que tal e como denuncian desde a formación nacionalista, “en Barbadás, pola contra, gran parte das instalacións públicas están relegadas a baixos de edificios, consecuencia dunha planificación centrada máis no rendemento inmobiliario que no benestar social e xa é hora de reverter esta situación e ofertarlle á nosa veciñanza infraestruturas e servizos públicos accesíbeis e de calidade”

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------