O principal equipo de fútbol do Carballiño, Club Deportivo Arenteiro, perde hoxe a un dos integrantes senlleiros da entidade, o director deportivo Álex Vázquez, que esta mesma tarde anunciaba a súa marcha nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polo presidente, Argimiro Marnotes.
“Voume triste porque despedirse de casa sempre doe”, así iniciaba Vázquez a súa comparecencia ante os medios de comunicación, dando lectura a unha nota escrita por él mesmo. “Foron cinco anos cargados de grandes momentos que nunca esquecerei, pero por riba de todo quédome co orgullo que sinto de ter representado e formar parte desta gran familia”, subliñou.
Pola súa banda, Argimiro Marnotes apuntou que “Club Deportivo Arenteiro ten que estar ledo e satisfeito de que, unha vez máis, o éxito deste club sexa un revulsivo para moita da xente que pasa por aquí e unha lanzadeira profesional”, aludindo a máis que posible incorporación de Vázquez ao Rácing de Ferrol, no que acompañaría ao técnico Pablo López, que vén de deixar o Ourense C.F.
“Álex Vázquez foi a bola extra que nos tocou”, asegurou o presidente referíndose ao ata agora responsable deportivo, que, nos últimos cinco anos conseguíu ascender ao equipo verde da Terceira División ata a Primeira Federación, categoría na que xa se mantén dúas tempadas. Marnotes, que fixo entrega ao xa exdirector deportivo dunha camiseta do club co seu nome e a lenda 2020/25, tamén avanzou que o oco que deixa Vázquez deberá ser recheado por outra persoa, como paso previo ao inicio da planificación da futura tempada 2025-26.