A Co-Vivenda Inclusiva como parte da solución
03/06/2025
O Centro de Desenvolvento Rural O Viso ten o compromiso de ofrecer os mellores servizos para a comunidade da Limia e isto require unha aprendizaxe permanente e unha formación continua de todo o equipo que o conforma, nomeadamente das e dos profesionais que traballan na entidade.
Nesta liña, o equipo encargado dos proxectos contra o Despoboamento participa na Xornada A Co-Vivenda Inclusiva como parte da solución, organizada pola Consultora Agrelar para difundir un modelo residencial pensado en combater os rigores do mercado e crear comunidades intencionais que coiden a quen máis o precisa habilitando espazos para que os colectivos máis vulnerables se emancipen con garantías. Existen proxectos consolidados principalmente en Cataluña e a súa chegada e implantación en Galicia require de adaptacións específicas que se deben atender para desenvolver os proxectos.
O Concello de Santiago de Compostela, que exerceu como anfitrión e como informante da perspectiva da normativa municipal avogou pola regulación como ferramenta para frear a especulación. Existiu tamén espazo para estudar proxectos sociais coma os Fogares Sanxe da Guarda, que revitaliza un espazo abandonado no centro da vila para que persoas con diversidade intelectual ou Alvariza, unha proposta de vivenda colaborativa nas proximidades de Santiago de Compostela.
A mensaxe principal defendida é que entre as esferas pública e privada existe a comunitaria e cooperativa, ámbito que goza de especial vitalidade e vixencia no medio rural o que o convirte nunha oportunidade nun marco de dificultades habitacionais severas.
O programa de sensibilización e concienciación sobre o despoboamento e a necesidade de emprendemento no medio rural, impulsado por COCEDER, está financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, dentro dos programas de interese social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF. Ademais, o programa de vivenda rural, proxectos piloto para a súa liberación e rehabilitación, está financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 para a realización de actividades relacionadas coa promoción e implementación da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible de España.