O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe as bases reguladoras das subvencións para actividades deportivas do Concello do Carballiño para a tempada 2024/2025. O obxecto destas bases é a regulación da tramitación e concesión de subvencións, por parte do Concello, destinadas a entidades deportivas do municipio, mediante convocatoria pública e a través do procedemento de concorrencia competitiva, coa finalidade de financiar parcialmente os gastos derivados da súa participación na competición deportiva durante a tempada que agora remata.
Serán beneficiarias destas subvencións as entidades deportivas legalmente constituídas e federadas, inscritas nos rexistros deportivos correspondentes da Xunta de Galicia, cunha antigüidade mínima de seis meses e que desenvolvan a súa actividade e teñan a súa sede no municipio. Os clubs deberán levar a cabo accións para “fomentar o deporte de base e realizar proxectos de fomento e promoción do deporte no municipio carballiñés”, quedando excluídos os que só participen en ligas ou competicións locais ou comarcais, ou exclusivamente no deporte escolar ou ligas de empresas.
O importe total asignado no orzamento municipal que se destina a esta finalidade ascende a
133.500 euros con cargo á partida correspondente ao presente ano. Os que desexen acollerse a esta orde deberán presentar a correspondente solicitude no prazo dun mes, contado a partir da data de mañá, día 5 de xuño, mediante instancia dirixida ao alcalde ou concelleiro delegado da Área de Deportes, no rexistro xeral do Concello do Carballiño.