O Centro de Desenvolvemento Rural O Viso participará nas Xornadas “Alíate ao Pobo, Tecendo Futuro no Rural” organizadas por Provivienda e a Xunta de Galicia en colaboración co Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico o martes 10 de xuño en Ourense.
Diferentes Administracións e entidades do Terceiro Sector están implicadas na loita contra o despoboamento rural e no potencial deste medio nun contexto social inestable cun modelo urbano dando síntomas de esgotamento.
Os tres eixos que guiarán a xornada, Vivenda-Emprego-Comunidade son o resultado dun grupo de traballo multidisciplinar que construíu a liña de actividade da Asociación Provivenda nos últimos anos e que permitiu elaborar un manual que apoie o traballo nesta materia.
O CDR O Viso participara xa con Provivienda no grupo de traballo inicial, ademais doutras colaboracións, e estará presente na xornada do 10 de xuño representado por Mila Rodríguez, axente de dinamización rural dos proxectos contra o despoboamento da entidade: “Queremos aportar o valor dos vínculos da comunidade nos procesos de consolidación de proxectos familiares na Limia”.
O programa de sensibilización e concienciación sobre o despoboamento e a necesidade de emprendemento no medio rural, impulsado por COCEDER, está financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, dentro dos programas de interese social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF. Ademais, o programa de vivenda rural, proxectos piloto para a súa liberación e rehabilitación, está financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 para a realización de actividades relacionadas coa promoción e implementación da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible de España.