Nunha reunión coa directora do IMSERSO, Maite Sáncho, acordouse a petición de Luis Menor que o organismo estatal se incorporare no Grupo de Traballo de Termalismo Sanitario, equipo multidisciplinar liderado pola Deputación de Ourense
Maite Sancho, tamén se interesou polos programas pioneiros da Deputación de termalismo contra a soidade non desexada e contra o DCL, Deterioración Cognitiva Leve, á vez que felicitou á administración provincial pola iniciativa de termalismo posta en marcha o pasado mes de marzo dirixida a persoas maiores que sufriron a DANA no municipio valenciano de Massanassa
Madrid, 11 de xuño de 2025.
Luis Menor, na súa calidade de presidente da Deputación de Ourense, e da Sección de Vilas Termais a Federación Española de Municipios e Provincias, acompañado por Cristina Montalvá, directora xeral de Igualdade e Políticas Locais da FEMP, e do director da Área de Benestar, Jose Juan Cerdeira, mantiveron hoxe un encontro de traballo en Madrid, no IMSERSO, con Maite Sancho, máxima responsable do Instituto de Maiores e Servizos Sociais.
A petición de Luis Menor, o IMSERSO incorporarase no Grupo de Traballo de Termalismo Sanitario, equipo multidisciplinar liderado pola Deputación de Ourense. A entidade adscrita ao Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 comprometeu tamén a súa presenza a través da súa directora xeral na Asemblea anual das Vilas Termais que este ano se celebrará en outubro na provincia de Salamanca, no concello de Vega de Tirados, e alí avaliar os pasos dados ata ese momento polo GTTS.
Na reunión con Luis Menor, Maite Sancho tamén se interesou polos programas pioneiros da Deputación de Ourense de termalismo contra a soidade non desexada e contra o DCL, Deterioración Cognitiva Leve, á vez que felicitou á administración provincial pola iniciativa de termalismo posta en marcha o pasado mes de marzo dirixida a persoas maiores que sufriron a DANA no municipio valenciano de Massanassa.
A entidade adscrita ao Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, conta entre as súas responsabilidades coa xestión dos servizos sociais complementarios das prestacións do Sistema de Seguridade Social e o exercicio das competencias da Administración Xeral do Estado en materia de persoas maiores.
Os servizos sociais complementarios das prestacións do Sistema de Seguridade Social tamén inclúen o termalismo social, ámbito que precisamente centrou a reunión.
O presidente provincial, Luis Menor, comezou o encontro entregando un exemplar do estudo recentemente financiado pola administración provincial “Ourense, clave de lonxevidade. O fenómeno das persoas centenarias”. O motivo da entrega é que Maite Sancho foi elixida pola ONU como unha das 50 líderes mundiais que máis contribuíron a transformar a sociedade para envellecer mellor, ademais de ser experta da OCDE e do Consello de Europa en Envellecemento e Protección Social, entre outras distincións, polo que o presidente considerou oportuno poñer no seu coñecemento os esforzos por poñer en valor a realidade centenaria da nosa provincia.
Impulso ao termalismo sanitario a través do GTTS
Menor cualificou a reunión como “moi positiva” xa que Maite Sánchez, en nome do IMSERSO, mostrouse moi interesada e receptiva ás formulacións realizadas polas Vilas Termais como representantes do municipalismo.
Precisamente, o primeiro acordo da reunión foi a incorporación do IMSERSO ao GTTS, o Grupo de Traballo en Termalismo Sanitario, un equipo multidisciplinar liderado pola Deputación de Ourense que se creou hai uns meses.
O obxectivo do GTTS é a definición e homoxeneización entre balnearios de Vilas Termais de diferentes Comunidades Autónomas, de programas de termalismo sanitario que aborden procesos patolóxicos concretos -con especial interese naqueles asociados á lonxevidade-, a medición científica dos seus resultados e a súa posterior homologación.
O GTTS iniciouse cun reducido equipo multidisciplinar na que a maioría dos seus membros son profesionais da medicina, tanto hidrólogos directores de balnearios, como médicos de atención primaria do ámbito público.
A incorporación do IMSERSO a este grupo de traballo dálle unha nova dimensión xa que as súas achegas poden ser de gran importancia e abre a posibilidade de trasladar no futuro ao seu programa estatal recomendacións e innovacións que saian do GTTS.
Programa experimental de termalismo sanitario a proposta do GTTS
Luis Menor trasladoulle tamén a Maite Sancho que a Deputación de Ourense está en disposición de poñer en marcha de forma experimental o primeiro programa que propoña o GTTS focalizado nunha patoloxía concreta.
Neste sentido, este xuño, o GTTS entregará á Deputación de Ourense a proposta de programa experimental que contemplará a elección do primeiro proceso patolóxico que trataría, a prescrición médica necesaria para participar no mesmo, as técnicas termais que incluiría, a súa duración e o sistema de avaliación de resultados do mesmo.
En función destes elementos a administración provincial aprobará un programa experimental piloto coa correspondente axuda pública e as datas da súa posta en marcha.
O Termalismo terapéutico na Axenda 2030
Na reunión tamén se tratou a orientación do termalismo á Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible e a súa relación cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), orientados a dar forma ás políticas de desenvolvemento mundiais e nacionais.
O termalismo social, entendido como o uso terapéutico e preventivo das augas termais con repercusión directa na saúde e calidade de vida, e onde as administracións públicas subvencionan o acceso aos balnearios favorece o acceso equitativo da cidadanía a tratamentos de saúde e benestar, incardinándose de forma directa e indirecta con varios dos ODS.
Así, o ODS 3, saúde e benestar, persegue garantir unha vida sa e promover o benestar para todos en todas as idades. Con este obxectivo ínstase as administracións a tomar medidas para predicir e contrarrestar os desafíos da saúde.
O termalismo social mellora a saúde física e mental, especialmente en colectivos máis vulnerables e crea conciencia da importancia da boa saúde, promovendo estilos de vida saudable de forma especial en persoas de maior idade.
Ademais diso, o termalismo social combina saúde e benestar co ODS de desenvolvemento económico e sustentabilidade ambiental, tendo en conta que xera emprego local, especialmente en zonas máis rurais e despoboadas sendo un motor de desenvolvemento sostible e non deslocalizable.
Ademais os establecementos termais están a incorporar criterios de sustentabilidade: uso eficiente da auga (control de acuíferos, regulación do seu uso e tratamento, enerxías renovables, xestión de pegada de carbono 0) converténdose en modelos de consumo responsables no sector da saúde.
Colaboración no Congreso Mundial de Cidades amigables coas persoas maiores e na Asemblea anual de Vilas Termais
Ademais do desenvolvemento do GTTS, o IMSERSO comprometeu a súa presenza a través da súa directora xeral na Asemblea anual das Vilas Termais que este ano se celebrará en outubro na provincia de Salamanca, no concello de Vega de Tirados, e alí avaliar os pasos dados ata ese momento polo GTTS.
Pola súa banda, as Vilas Termais comprometéronse a participar no Congreso Mundial de Cidades amigables coas persoas maiores xa que recentemente dábase a coñecer en Suíza que este evento en 2026 celebrarase en España.