Daniel Rivero Meno recolle o II Premio Literario Antón Tovar pola súa obra “Voar”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O poeta limiao Daniel Rivero Meno recolleu este sábado, 14 de xuño, o II Premio Literario Antón Tovar, convocado polo Padroado do Museo da Limia, pola súa obra Voar. O acto de entrega celebrouse no patio do Museo Etnográfico da Limia, en Vilar de Santos, nun ambiente de celebración da palabra e da creación literaria.

O certame contou co patrocinio de Bienestar Hoteles y Resorts SL Termas de Monção, así como da revista Tempos Novos, que dirixe o tamén limiao Luis Álvarez Pousa. O premio consistiu nun bono para dúas persoas, en pensión completa, para unha fin de semana no Hotel Bienestar Termas de Monção, ademais da publicación da obra gañadora na revista Tempos Novos.

O acto foi presentado por Delfín Caseiro, presidente do Padroado e coordinador da antoloxía poética de Antón Tovar publicada por Xerais en 2023, quen puxo en valor o legado do poeta da Pereira e o seu lugar na literatura galega contemporánea.

Durante o evento, deuse lectura pública á proposta oficial da Xunta Directiva do Padroado, que volve reclamar á Real Academia Galega a dedicación do Día das Letras Galegas 2026 ao poeta da Pereira. Neste sentido, o acto contou co apoio firme do Concello de Vilar de Santos á candidatura, reforzando a implicación institucional e cidadá nesta reivindicación.

Un dos momentos máis emotivos foi protagonizado polo alumnado do CEIP Carlos Cid Arregui de Rairiz de Veiga —Leo, Clara, Ainhoa, Laura, Marcos e Martín— quen deron lectura ao poema “Fixen un maio”, pertencente ao poemario Arredores (1962), de Antón Tovar.

A continuación, leuse a acta do xurado a cargo do secretario Xoán Jardón, e a presidenta do Padroado, Conchita Rúa, fixo entrega do premio ao autor galardoado. O xurado desta edición estivo composto por Conchita Rúa, Xela Casal, Manolo Janeiro e Xoán Jardón, quen salientaron a calidade estética, a emoción contida e o lirismo da obra premiada.

Desde o ano 2021, centenario do nacemento de Antón Tovar, o Museo da Limia promove diversas accións encamiñadas a difundir o seu legado e demandar o recoñecemento da súa figura por parte da cultura galega institucional. En 2022 foi entregado un completo expediente na sede da Real Academia Galega con centos de sinaturas cidadás e numerosos documentos de apoio.

A celebración deste certame é unha chamada máis á sociedade galega para recoñecer a obra profunda, comprometida e literariamente excepcional de Antón Tovar, figura esencial da poesía galega do século XX.