
O mantemento, conservación, restauración, difusión e divulgación do patrimonio cultural de titularidade eclesiástica no ámbito provincial centra o acordo que veñen de asinar a Deputación de Ourense e o Bispado da Diócese de Ourense, logo de que a institución provincial o aprobase na súa sesión semanal da Xunta de Goberno.
A primeira fase deste acordo, que ten vontade de ser plurianual, “céntrase na preservación, protección e divulgación do patrimonio eclesiástico da nosa provincia é unha riqueza cultural, mais tamén emocional e social”, tal e como explicou Luis Menor, argumentando que as igrexas foron, son e sempre serán un “lugar de convivencia, de oración e de reunión nos nosos pobos, no noso rural”, ademáis “auténticas xoias patrimoniais cheas de historia, de arte e de fe”.
Valorou Menor este acordo como “de gran importancia para 9 municipios que verán rehabilitadas, melloradas e reparadas igrexas e espazos anexos como camposantos”, ao tempo que explicou que “Deputación e Obispado unimos as nosas mans e os nosos esforzos a prol do noso territorio provincial, algo que é, precisamente, a clave da cooperación institucional que hoxe amosamos”.
O bispo da Diócese de Ourense, Leonardo Lemos, recalca que “estamos a protexer e promover o patrimonio histórico da provincia, e sen a colaboración institucional non seríamos capaces de atender a súa totalidade”.
As nove accións das que consta este acordo son as seguintes: Rehabilitación da cuberta da Igrexa de San Martín de Sagra (Carballiño); rehabilitación do solado da Igrexa de San Salvador de Vilaza (Monterrei); rehabilitación da cuberta da Igrexa Parroquial de San Martín de Sabadelle (Pereiro de Aguiar); rehabilitación da cuberta da Igrexa de Santa maría de Mesón de Calvos (Taboadela); rehabilitación da cuberta de igrexa de San Paio de Abades (Baltar); eliminación de humidades na Igrexa de San Francisco Blanco e Santa María (O Tameirón, A Gudiña); reparación do muro do cemiterio de San Pedro de A Mezquita (A Merca); rehabilitación da cuberta de Santa María de Feces de Cima (Verín); e rehabilitación da cuberta de San Pedro de Ramil (Xunqueira de Espadanedo).