A deputada Noa Presas acusa á Xunta de “falta de dilixencia” e pide transparencia sobre os arranxos que aínda se están facendo no interior ao tempo que pregunta “se non tivo suficiente o Partido Popular con castigar Ourense sen un Centro de xestión pública e directa”
Ourense, 15 de xuño de 2025. A deputada nacionalista por Ourense Noa Presas e o deputado Iago Tabarés, rexistraron no Parlamento Galego unha batería de iniciativas pedindo á Xunta de Galiza explicacións pola demora na apertura do CAPD de Ourense xa que este continúa pechado e sen dar servizo. Para Presas “a situación é escandalosa. Primeiro o Partido Popular dicía que Ourense non precisaba un CAPD mentres abrían Centros privados, despois estivo anos atrasándoo, despois permitiu a paralización das obras durante un ano, despois incumpriu a súa promesa dun centro público e de xestión directa e agora leva dous meses sen funcionar despois da adxudicación”.
Presas recorda que “o CAPD tiña que estar en funcionamento xa en marzo de 2022, que despois a data prometida foi xaneiro de 2024 e agora vemos como dous meses despois da adxudicación, que prevía a posta en marcha en abril, segue pechado e sen visos de apertura e esta situación soamente fai agravar a carga de dúcias de familias que están pendentes de se acudir ou non a este recurso, máis aínda nunha tempada tan complexa para a conciliación e organización familiar coma o verán”.
Para o BNG “esta é unha nova falta de dilixencia e respecto da Xunta, que depois de incumprir a promesa dunha xestión directa non está a ser transparente sobre as razóns da demora e cando obreiros de reforma seguen acudindo ao interior das instalacións cando, segundo o Partido Popular, todo estaba rematado”.
Por estes motivos, o BNG rexistrou unha batería de iniciativas no Parlamento Galego para demandar explicacións á Xunta pola situación xerada, apremiar a que se abra canto antes e que se planifique a súa xestión pública e directa para o remate da vixente adxudicación, que ten a previsión de dous anos, pois esa é a demanda social e por culpa da Xunta Ourense segue a ser o único territorio galego sen un centro deste tipo.