A Concellería de Deportes do Concello do Carballiño organiza para o vindeiro sábado, día 21, unha xornada conmemotativa do ‘Día Internacional do Ioga’ que se celebra coincidindo co solsticio de verán. A presentación desta iniciativa tivo lugar esta mañá na Casa do Concello coa asistencia do concelleiro de Deportes, José Castro-Gil, e a monitora desta especialidade, Angélica Molina.
O evento consistirá nunha sesión de ioga ao aire libre nos xardíns do Gran Balneario do Carballiño, que dará comezo ás 11,00 horas, e na que se darán a coñecer aos participantes os beneficios que ten esta práctica deportiva para a saúde física e mental. Angélica Molina avanzou que se ensinará, entre outras, a postura do ‘saúdo ao sol’ e, tamén, haberá un tempo para a meditación.
José Castro-Gil convidou a toda a veciñanza a acudir a esta sesión deportiva, que é totalmente gratuíta, recomendando levar roupa cómoda, preferentemente de cor branca, e unha esterilla para acomodarse na herba desta paraxe natural.