O Concello do Carballiño colabora na décima edición do Festival “Outros países, outras músicas”, impulsado polo Coro de Cámara Música Viva. A cita levarase a cabo este sábado, día 21 de xuño, e contará coa participación de tres corais de longa traxectoria e gran recoñecemento: o grupo vocal e instrumental Atlántico de Noia (A Coruña), o Orfeón de Trives (A Pobra de Trives) e o Coro de Cámara Música Viva do Carballiño.
O festival terá lugar na Igrexa da Veracruz, “un marco incomparable”, en palabras do concelleiro de Cultura, Diego Fernández. O edil convida á poboación a desfrutar da música e destaca a gran calidade das corais, que cantarán temas tradicionais de Cuba, Italia, Estados Unidos, Portugal, Arxentina, Brasil, Inglaterra, Irlanda e España. O repertorio inclúe cancións míticas como “Tu nombre me sabe a hierba”, de Joan Manuel Serrat, “Rabo de nube” de Silvio Rodríguez ou “Can’t help falling in love” de Elvis Presley.
“É unha magnífica oportunidade de viaxar polo mundo e coñecer a súa cultura sen moverse do Carballiño”, apunta Diego Fernández. Pola súa parte, desde o Coro de Cámara Música Viva tamén destacan a calidade das agrupacións participantes e animan á veciñanza a achegarse á Igrexa da Veracruz para desfrutar de música dunha “altísima calidade”.
A cita arranca ás 20,30 horas deste sábado, día 21.